Néstor Rego leva o accidente do "Blue Star" ao Congreso

Blue Star
Blue Star
O deputado do BNG reclama compesacións económicas para os traballadores e traballadoras do sector pesqueiro e marisqueiro afectadas polo accidente do "Blue Star"

O deputado do BNG acaba de rexistrar no Congreso unha batería de preguntas para coñecer as circunstancias do accidente e o operativo de salvamento que xulga ineficiente.

Esta maña o deputado nacionalista, Néstor Rego, presentou no Rexistro Xeral do Congreso dos Deputados varias preguntas escritas dirixidas ao Goberno para saber cal é o estado real do buque varado na costa de Ares. Descoñécese que medidas se adoptaron desde Salvamento Marítimo, se é que se adoptou algunha, desde que o buque queda á deriva até que finalmente embarranca na costa.

O goberno español “privatizou” nada menos que a xestión da operación de rescate, permitindo que a casa armadora contratase unha empresa privada (a holandesa Smit Salvage, de infausto recordo durante a catástrofe do “Prestige”) para facerse cargo da responsabilidade absoluta do proceso de rescate.

Tras varios intentos frustrados de retirada do seu lugar de varada, esta opción foi finalmente rexeitada ao romper as estachas de remolque. Por certo, sen ningunha medida de precaución -barreiras anticontaminación rodeando o buque, skimmers ou sistemas de bombeo desde o mar, etc- no caso de vertido mentres se realizaban os intentos fallidos de remolque.

A xestión realizada en relación co Blue Star é un exemplo máis nesta constante histórica. O perímetro de seguridade establecido arredor do buque varado impide a actividade da flota que habitualmente faena nesas augas. O que está ocasionando graves prexuízos económicos, especialmente significativos nunhas datas de alta actividade pesqueira e marisqueira. Ademais en ningún momento se mantiveron reunións ou outras vías de información coas confrarías, entidades ou agrupacións do sector pesqueiro e marisqueiro.

Ante as recorrentes catástrofes que sofre a costa galega, o deputado do BNG anuncia que nas vindeiras semanas será presentada unha Proposición de Lei para a transferencia á Galiza de Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación mariña.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG