Néstor Rego lembra a Sánchez os compromisos pendentes en emprego industrial e infraestruturas

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG sinala que o balance dun Acordo debe ser feito entre as dúas forzas políticas asinantes e salienta que o grao de cumprimento fica lonxe do avanzado polo Presidente do Goberno español

Nesta quinta feira (29), Pedro Sánchez presentou o informe 'Cumpliendo' en que detalla o cumprimento dos acordos de investidura e no que recolle que en relación ao Acordo co BNG o grao de cumprimento é de 25%. O deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que na realidade, e a pesar de algúns avances significativos como as bonificacións da AP-9,  fican moitos compromisos importantes por cumprir en materia de política industrial, infraestruturas ou autogoberno.

Rego lembra que as solucións á profunda crise industrial que sofre a Galiza é un dos eixos fundamentais do Acordo de Investidura asinado entre BNG e PSOE en xaneiro de 2020 e considera que neste campo foron poucos os avances reais. “Estamos lonxe de garantir unha transición xusta nas Pontes e Meirama, sen alternativas de actividade económica e emprego; AluIbérica está paralizada e intervida xudicialmente e Alcoa aínda sen unha solución que garanta a continuidade”, salienta Rego.

En relación coa construción naval, o deputado do BNG avalía como claramente insuficientes os pasos dados, que non supuxeron asegurar a actividade e o emprego nin en Ferrol nin en Vigo. “Os orzamentos previstos son insuficientes para transformar Navantia nun Complexo Industrial Integral -como está recollido no Acordo- e non houbo impulso á actividade de construción naval; polo contrario, a perspectiva para o emprego é desesperanzadora. No caso de Vigo, non é de recibo considerar cumprido o Acordo cando Vulcano está fechado e Barreras ao borde da liquidación”, salienta Néstor Rego.

En consecuencia, o deputado do BNG reclama un compromiso real e actuacións efectivas do Goberno español para pór fin á crise industrial da Galiza e para asegurar a actividade e o emprego en sectores chave como o naval ou o electrointensivo e unha transición xusta nas Pontes e Meirama.

En relación ás infraestruturas, a organización nacionalista considera que os Orzamentos do Estado ficaron moito por detrás das necesidades e dos compromisos, especialmente en materia ferroviaria. “Realmente só se previron partidas para a modernización da liña Ourense-Lugo, mais ficaron sen recursos actuacións fundamentais como a modernización das conexións A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, Porto Exterior da Coruña ou saída sur de Vigo até a fronteira portuguesa, para alén da implantación de servizos de cercanías nas áreas metropolitanas”, salienta Rego.

“Esperamos que todas estas actuacións poidan impulsarse con fondos europeos e nos Orzamentos de 2022, porque para o BNG é fundamental modernizar e mellorar a rede ferroviaria interna para podermos ter un transporte público sustentábel e de calidade”, acrecenta o deputado nacionalista.

Aínda en relación coas infraestruturas, Rego subliña o avance que supuxo a aplicación esta semana das bonificación e descontos nas peaxes da AP-9, un dos aspectos máis coñecidos e esperados do Acordo de Investidura asinado polo BNG. Con todo, critica que non fose aplicado en toda a súa dimensión e como estaba previsto, especialmente en relación co transporte profesional e coa supresión da peaxe entre Vigo e Redondela, que debe facerse levantando as cabinas e sen exixir dispositivos de telepeaxe. “Continuaremos traballando por máis e mellores descontos, na perspectiva dunha AP-9 galega e sen peaxes e porque se complete canto antes a transferencia”, sinala o deputado.

Néstor Rego lembra a Pedro Sánchez que non se produciron avances -como figura no propio informe- en materia de autogoberno, en que estaba previsto convocar a Comisión Mixta de Transferencias e proceder a traspasar todas as competencias pendentes previstas, ou en normalización da lingua e recepción das radios e televisións portuguesas.

“Preocúpanos tamén que aínda non fose desbloqueada a solución ao problema dos emigrantes retornados coa facenda española, que afecta máis de 200.000 persoas no noso País, ou non estean creados os xulgados de violencia de xénero en Compostela, Ourense e Lugo, como está previsto no Acordo” indica Rego.

Entre as medidas recollidas no acordo en fase de cumprimento, o BNG valora moi positivamente que arrancase o proceso para a rexeneración da Ría do Burgo, que fica só pendente de estabelecer as compensacións a mariscadores e mariscadoras, e que espera que en breve se inicien os traballos.

En todo o caso, o deputado asegura que o BNG vai continuar traballando e presionando para que o Goberno cumpra a totalidade do acordo “que é un compromiso con todos os galegos e galegas” e lembra a Sánchez que o normal que a avaliación sobre o grao de cumprimento sexa realizada conxuntamente polas partes asinantes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG