O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Nestor Rego afirmou hoxe en Sada que a “falta de peso político de Galiza no estado provoca que as nosas cotas de pesca sexan inferiores ás de Cantabria ou Euskadi”. As cotas de pesca, explicou, son decisión das forzas políticas con representación no Congreso e estou seguro de que a presenza do BNG é a garantía para defender un cambio desa política pesqueira.
“Cando Madrid ou Bruxelas decide por nós, sempre decide contra nós”, e por iso reclamamos que “Galiza poida decidir de maneira libre e soberana” sobre a nosa terra e o noso mar para decidir, “cando, como, canto e onde podemos pescar”, así como poder negociar con terceiros países para pescar nos seus caladoiros.
No mitin de presentación, a candidata á alcaldía de Sada, Isa Reimundez, Rego salientou a grave situación do sector pesqueiro na vila e lembrou que este mesmo mes foi vendido outro barco, o “Novo Chono”. Neste sentido, denunciou a “nefasta política” autonómica para un sector que utilizando un termo mariñeiro dixo, “vai a pique” especialmente cos barcos do cerco. Esta política, remarcou, ten que mudar pero é necesario contar “cunha voz propia” que defenda os intereses do noso sector pesqueiro e mostrouse convencido que o 28 de abril, “esa voz irá da man do BNG”.
O candidato tamén se referiu ao enlace da vía Ártabra coa AP-9 e tras criticar a estafa das peaxes da AP-9 avogou por abrir un debate sobre “a gratuidade” deste tramo. “As persoas que teñen a necesidade de trasladarse a Coruña non deben pagar por unha decisión política tomada en Madrid”. De aí a urxencia de contar cunha voz propia que leve ao Congreso alternativas aos problemas do noso país.
Rego, candidato do BNG ao Congreso tamén forma parte do colectivo 19 de Meirás denunciados pola Fundación e a Familia Franco tras un acto “pacífico e simbólico” para reclamar a devolución do Pazo, “roubado ao pobo galego polo franquismo”. O candidato do BNG criticou que o Partido Socialista no goberno “non movera ficha” para a devolución, a pesar de contar cos dous informes xurídicos que avalan esta reclamación histórica do pobo galego. O PSOE non presentou a demanda para a recuperación do Pazo e moito tememos que isto é consecuencias das “presións exercidas polo poderes fácticos vinculados ao posfranquismo” e probablemente tamén, engadiu, “da Casa Real”.
“Comprométome a reclamar no Congreso o inicio das medidas necesarias para que o Pazo de Meirás e o resto do patrimonio espoliado pola familia do ditador retorne a todos os galegos e galegas”.
ISA RAIMUNDEZ DESTACA O GRAN APOIO DOS VECIÑOS E VECIÑAS DE SADA AO BNG
Pola súa parte, a candidata á Alcaldía de Sada, Isa Reimundez amosou a súa satisfacción polo grande apoio que está a recibir e que hoxe, dixo, “volvo a sentir neste acto”. A candidata asegurou que o esforzo e implicación social é hoxe “máis necesario que nunca” porque estamos ante dous procesos electorais “nos que nos xogamos moito”. No noso municipio preséntanse 8 partidos pero vós hoxe estades aquí, no acto do BNG e estou segura que o 28 abril e o 26 de maio tamén estaredes con nós porque o BNG está medrando en Sada de maneira especial entre a xente nova. No BNG apostamos tamén pola renovación e dende o concello poremos en práctica un proxecto “coas ideas claras” para mellorar as condición de vida de todos os nosos veciños e veciñas.