Néstor Rego defende en Oleiros solucións para os atascos producidos polas obras de ‘Sol y Mar’

rego visita oleiros obra ac-12 foto2
rego visita oleiros obra ac-12 foto2

BNG propón a apertura das portaxes da AP-9 en Guísamo e Santa Marta de Babío como vía de drenaxe de boa parte do tráfico da área metropolitana da Coruña

Reclama ao Goberno do Estado unha adecuada planificación e alternativas públicas de transporte para a conexión da cidade da Coruña coas localidades limítrofes

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade de Oleiros para trasladar á veciñanza as iniciativas rexistradas para rematar coa grave situación de caos que están producindo as obras de soterramento da AC-12 no chamado cruzamento de ‘Sol y Mar’. A formación nacionalista propón abrir temporalmente as portaxes de Guísamo e Santa Marta de Babío, de forma que non se cobre ás persoas usuarias mentres duren as obras e que esta vía de alta capacidade poda funcionar para aliviar a circulación do tráfico procedente da área metropolitana e da comarca das Mariñas.

Nas comarcas da Coruña e das Mariñas están a producirse graves problemas de atascos no tráfico rodado e, en especial, nas horas puntas dos días laborábeis pola obras na AC-12 ao seu paso por Perillo. Isto provoca para a veciñanza das localidades limítrofes á Coruña graves dificultades de acceso ao centro urbano, que poderán prolongarse durante meses. Mais o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non está a executar medidas paliativas que poñan remedio aos atascos.

“É preciso que o Goberno do Estado e o Ministerio dean unha alternativa de circulación e que artelle as medidas precisas para poder moverse pola área metropolitana sen que sexa unha trampa para condutores e condutoras” explica Rego durante o acto coa veciñanza de Oleiros. “Non pode tolerarse que as persoas que deben desprazarse diariamente á cidade da Coruña, sexa por motivos laborais, académicos ou doutro tipo, se convertan en reféns da mala planificación na execución dunha obra demandada desde hai anos” reivindica.

Entre outras medidas que propón a formación atópase “garantir a máxima dispoñibilidade de axentes de tráfico para que regulen a circulación, acometer un deseño no horario de execución da obra en quendas que non limitase os accesos durante as horas de maior tránsito, por exemplo primando o horario nocturno ou realizando os labores que máis restrinxan o tráfico en horas de pouca afluencia”. Tampouco está existindo unha coordinación entre administración, polo que Rego insta ao Goberno do Estado a realizar unha planificación adecuada e un Plan de Transporte Público adecuado á situación actual.

“Outra medida que permitiría aliviar o actual caos circulatorio é a aperturas das portaxes de Guísamo e de Santa Marta de Babío mentres duren as obras da estrada, logrando que a AP-9 cumpra, cando menos, a función de eixo vertebrador da rede viaria comarcal a unha escala realmente metropolitana” explica o deputado do BNG no Congreso. Isto serviría de verdadeiro alivio sobre todo no caso dos  concellos limítrofes que non dispoñen de alternativa circulatoria gratuíta a esta vía convencional para o acceso á cidade.

“O que non é admisíbel é que a veciñanza estea durante anos soportando este problema sen que a administración responsábel, neste caso o Ministerio de Transportes, actúe e poña medidas. O BNG vai insistir no levantamento das barreiras da AP-9 porque é a medida óptima, así como na necesidade de ofrecer alternativas de transporte público” enfatiza Rego. Así mesmo, anuncia que os representantes institucionais do BNG, tanto nos concellos como no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, enviarán un escrito ao Delegado do Goberno urxindo a que a Administración Xeral do Estado actúe xa porque ”isto é o que están reclamando todos os veciños e veciñas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG