Néstor Rego defende no Congreso a gratuidade das autovías galegas

Néstor Rego
Néstor Rego

Cualifica a pretensión do Goberno do Estado de implantar portaxes como “antisocial e antigalega” polo que suporá para as clases populares da Galiza ao non existiren alternativas viábeis.

BNG alerta da posibilidade de que aumenten os accidentes polo aumento do tránsito en vías convencionais, con “maior custo en vidas humanas”.

O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu durante o pleno do Congreso a gratuidade das autovías polos efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas na Galiza, que perderían competitividade. Rego considera inaceptábel que, cando o Goberno do Estado aínda non cumpriu o compromiso de baixar as portaxes da AP-9, anuncie que pretende implantalas nas autovías.

A posibilidade de implantar peaxes en todas as autovías está a xerar unha gran inquietude na Galiza polos efectos negativos que terían para as clases populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País como a Galiza que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en Europa.

“Unha medida que o Goberno pretende vender como ‘verde’, para ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado, representará realmente unha lousa nun País como Galiza que non posúe transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías” enfatiza o deputado nacionalista en sede plenaria. Así mesmo, Rego quixo deixar claro que “sen alternativas, non é unha medida ecolóxica, é simplemente antisocial e antigalega”.

As peaxes, segundo sinala o deputado da fronte nacionalista, van gravar as clases populares e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que continuarían perdendo competitividade. Ademais, “terían o efecto de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. Na Galiza especialmente onde é difícil atopar un quilómetro de estrada sen casas ao redor”.

“Resulta sorprendente que este Goberno, que se auto-cualifica como 'progresista' non teña nunca en conta os custos sociais que decisións como esta poden implicar. Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario” subliña Néstor Rego. As portaxes nas autovías terían, sen dúbida para a organización nacionalista, o efecto contrario: “maior custo en vidas humanas e tamén maior custo en gasto sanitario e social”.

Alén do máis, considera “inaceptábel” que, cando o Goberno estatal aínda non cumpriu o compromiso de baixar as portaxes da AP-9 para acabar co “roubo legalizado” a todos os galegos e galegas, “anuncie que pretende implantalas nas autovías. Primeiro cumpran, desenvolvan alternativas e despois falamos”.

Por outra banda, Rego apunta que “a postura do Partido Popular é hipócrita e demagóxica”, porque cando gobernaban formularon estas mesmas medidas nas autovías. “En todo caso, reafirmamos a oposición do BNG a elas porque, polo menos na Galiza, sen alternativas, non é verde, é simplemente un roubo” conclúe o deputado da organización nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG