O candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, pechou a campaña en Ribeira nun acto en que pediu o apoio para a súa candidatura para ter "voz propia no Congreso" e "facerse valer como país". No último acto da campaña, acompañado da candidata ao Senado, Tereixa Novo e o portavoz en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, Rego aproveitou para apelar ás persoas "desencantadas" para que voten a quen "nunca fallou nin fallará a Galiza".
No último mitin da campaña do 10N, o candidato nacionalista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, pediu o voto para o BNG para "volver a ter voz propia en Madrid, que é moito o que se botou de menos", dixo. E, entre as razóns que se notou a ausencia en Madrid están as contas, os orzamentos que o candidato nacionalista puxo como exemplo do "abandono" que os 23 deputados e deputadas de forzas estatais deixaran a Galiza: 757 millóns de euros para investimentos nos pactados polo PSOE e Unidas Podemos neste ano, tres veces menos que os 2.145 que se consignaron en 2009 para o noso país cando dous deputados do BNG eran determinantes para a súa aprobación.
Por esa "afonía" do noso país no debate político en Madrid pediu Néstor Rego o apoio para o BNG que demostrou na súa historia que "nunca fallou nin nunca fallará a este país". Pediu así sumar a forza das "persoas que votaron a forzas estatais e que agora están decepcionadas" e tamén daquelas que nas pasadas eleccións votaron no Senado porque só con que elas escolleran tamén a papeleta do Congreso, "o BNG volvería ser a voz da Galiza en Madrid".
Mostrouse o candidato da Coruña confiado en que o nacionalismo galego volverá ter representación nas Cortes porque, segundo apuntou, "nesta campaña percibiuse con claridade que cada vez máis persoas se dan conta da necesidade de que o BNG estea presente no Congreso e mostraron claramente o apoio a nosa forza política".
Néstor Rego defendeu tamén que o voto BNG é un "voto duplo" porque, ademais de recuperar a voz galega en Madrid "non o acento senón toda a lingua e con toda a contundencia" significará unha "barreira fronte á involución democrática que estamos a vivir tan acelerada, con recortes de dereitos e liberdades como a petición de ilegalización de forzas políticas democráticas como o BNG ou o peche de páxinas web sen orde xudicial, por dicir só dous exemplos". Ademais, o voto BNG significa tamén parar á ultradereita de Vox xa que a organización nacionalista "lle planta cara sen medo e plantaralla especialmente este 10N ".
Na súa última intervención de campaña, Néstor Rego destacou que o BNG é a forza "que só responde aos intereses do país" e non "ao mandato dunha orde que se emite en Madrid" e, por iso, faise tan "útil" á hora de defender os dereitos de galegas e galegos, desde a tarifa eléctrica galega até a transferencia das comunicacións e gratuidade da AP9, mellora de pensións, apoio ao retorno das persoas que emigraron ou o dereito a producir.
Neste sentido, en Ribeira destacou que o BNG defende de maneira especial o sector pesqueiro, tan importante na comarca, fronte políticas nocivas que se deseñan en Bruxelas ou Madrid e que levan á redución e destrución da nosa capacidade pesqueira. "Tanto no Congreso como no Parlamento Europeo, o BNG deu a cara pola nosa pesca así como cando fixo falta mobilizarse para defender un sector básico para nós".
"Galiza ten que poder decidir por sí propia e as decisións sobre o noso sector pesqueiro non se poden tomar a seiscentos quilómetros mar adentro, descoñecendo completamente o noso sector e as condicións de quen o traballa", dixo Néstor Rego que solicitou a eliminación das cuotas para a pesca artesanal e investimentos para o saneamento das rías.
Pechou a campaña Néstor Rego lembrando que estas eleccións poden ser "unha nova oportunidade" para que Galiza teña voz e determine as políticas que nos afectan en Madrid e pediu por iso o voto para o BNG, "porque está demostrado que é o máis útil e o que nunca defrauda".