O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun encontro na Coruña para falar sobre a posición da formación nacionalista recente debate da Reforma Laboral e a importancia do BNG para defender os intereses das galegas e galegos. Acompañado polo Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega, Paulo Carril, incide na “oportunidade perdida” para recuperar a totalidade dos dereitos eliminados no 2012 polo Partido Popular, porén o Goberno decidiu pregarse aos requirimentos da patronal e a Unión Europea.
O acto tivo lugar no círculo de Artesáns da cidade da Coruña, e presentado pola ex deputada provincial, Silvia Seixas, serviu para explicar a posición da organización nacionalista na convalidación do Real Decreto-lei da Reforma Laboral. Durante a súa intervención, o deputado nacionalista recordou que a posición dos partidos de Goberno na votación, foi un claro incumprimento dos compromisos acadados, non só con diferentes forzas políticas, incluído o Acordo de Investidura asinado co BNG, senón co conxunto da cidadanía, pois esa reforma fixera parte dos seus respectivos programas electorais.
De facto, continuou expoñendo o deputado nacionalista, o executivo estatal conformado por PSOE e Podemos “terá que explicar por que existindo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogar a Reforma Laboral do Partido Popular, deciden ceder aos ditados da Unión Europea e contentar os intereses dos empresarios en vez de cumprir coa clase traballadora”.
“O BNG sempre foi firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega. Votamos en contra para forzar a este Goberno a negociar unha proposta que realmente permitise avanzar en dereitos” subliña Néstor Rego. Así mesmo, tras a convalidación do RD, o deputado nacionalista anuncia o rexistro dunha Proposición de Lei co obxectivo de recuperar dereitos para a clase traballadora, para o que pedirá o apoio para a presentación conxunta “de todas as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por considerala insuficiente frente as promesas do executivo”.
“Mantense 90% dos aspectos máis lesivos da Reforma do PP e mesmo consolida a flexibilidade para o despedimento. Para o BNG é preciso recuperar os dereitos laborais recortados e volver a fixar, por exemplo, a indemnización por despido en 45 días, os salarios de tramitación, a prevalencia dos convenios galegos e o ámbito de negociación propio, ou a intervención da autoridade laboral nos despedimentos colectivos.
Grupo Galego: obxectivo para as vindeiras xerais
Así mesmo, o deputado nacionalista reiterou a idea da necesidade de confiar nunha forza nitidamente galega como o BNG que garante coa súa presenza a defensa dos intereses da Galiza. “Que ten que pasar para que este Goberno, que se di progresista, comece a tratar cun mínimo de xustiza a Galiza?” pregunta o deputado Néstor Rego, para concluír que é necesario un “Grupo galego que condicione cos seus votos, de forma permanente, as decisións do Goberno”.
“Só é cuestión de tempo” continuou o voceiro nacionalista “porque cada vez son máis os galegos e galegas conscientes de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses de Galiza. Cada vez son máis os galegos e galegas que saben que Galiza está se está o BNG”.