O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun encontro coa veciñanza de Sarria para falar sobre a posición da súa formación no recente debate da Reforma Laboral e a necesidade de constituír un grupo parlamentar galego para defender con máis forza os intereses das galegas e galegos. Acompañado polo secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, incide na “oportunidade perdida” para recuperar dereitos cunha nova normativa que non mantivese 90% dos aspectos máis lesivos, entre eles, a flexibilidade para o despedimento que reclamaba a patronal e a Unión Europea.
O acto celebrado na Casa da Cultura de Sarria serviu para explicar a posición da organización nacionalista na convalidación do Real Decreto-lei da Reforma Laboral celebrada a semana pasada. Pola súa banda, o deputado nacionalista cualificou de “fraude” a votación porque o Goberno incumpriu as promesas e acordos aos que chegou con diferentes partidos políticos, incluído o Acordo de Investidura asinado co BNG.
De facto, segundo explica o deputado nacionalista, o executivo estatal conformado por PSOE e Podemos “terá que explicar por que existindo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogar a Reforma Laboral do Partido Popular, deciden ceder aos ditados da Unión Europea e contentar os intereses dos empresarios en vez de cumprir coa clase traballadora”.
“O BNG sempre foi firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega. Votamos en contra para forzar a este Goberno a negociar unha proposta que realmente permitise avanzar en dereitos” subliña Néstor Rego. Así mesmo, tras a convalidación do RD, o deputado nacionalista anuncia o rexistro dunha Proposición de Lei co obxectivo de recuperar dereitos para a clase traballadora. Para iso, comprométese “a recadar o apoio de todas as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por considerala insuficiente frente as promesas do executivo”.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, lembrou que a central sindical leva anos exixindo a derrogación das Reformas Laborais de PSOE, aprobada en 2010, e de PP, de 2012, co obxectivo de recuperar os dereitos que lle foron roubados á clase traballadora. “Mantense 90% dos aspectos máis lesivos da Reforma do PP e mesmo consolida a flexibilidade para o despedimento. Está claro que a esquerda española, unha vez máis, está a favor do capital” recrimina.
“Seguiremos traballando desde o sindicalismo nacionalista e de clase. Nas rúas, nos centros de traballo e mesmo a través da negociación dos convenios colectivos” comprométese Niño tras declarar a decepción da CIG por “non ter aproveitado a oportunidade e o contexto que existía para derrogar a Reforma Laboral e avanzar na recuperación de dereitos para a clase traballadora.
Grupo Galego: obxectivo para as vindeiras xerais
Así mesmo, o deputado nacionalista reiterou a idea da necesidade de confiar nunha forza nitidamente galega como o BNG que garante coa súa presenza a defensa dos intereses da Galiza. “Que ten que pasar para que este Goberno, que se di progresista, comece a tratar cun mínimo de xustiza a Galiza?” pregunta o deputado Néstor Rego, para concluír que é necesario un “Grupo galego que condicione cos seus votos, de forma permanente, as decisións do Goberno”.
“Só é cuestión de tempo” continuou o voceiro nacionalista “porque cada vez son máis os galegos e galegas conscientes de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses de Galiza. Cada vez son máis os galegos e galegas que saben que Galiza está se está o BNG”.