O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun encontro coa veciñanza da localidade de Ribeira para explicar a importancia para Galiza de ter voz propia en Madrid e a necesidade de acadar grupo parlamentar do BNG propio para seguir a defender os intereses das galegas e galegos, con máis forza aínda. No que vai de mandato non houbo tema que afectara ao noso País que non fora levado ao Congreso. A protección do sector mar-industria, o futuro da frota pesqueira galega, a mellora das infraestruturas ferroviarias, as rebaixas da AP-9, o mantemento da industria ou o espolio enerxético estiveron presentes grazas á presenza do BNG.
Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora desde a súa toma de posesión no Congreso. Unha voz galega comprometida coa defensa do País desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co Acordo de Investidura acadado pola formación do BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española.
“É evidente o escaso interese do Goberno PSOE-UP por cumprir o Acordo de Investidura asinado mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para materializalos en avances concretos” explica o deputado nacionalista.
Mais, alén de desbloquear a Axenda Galega, a organización frentista retomou o traballo institucional na cámara do Estado para continuar a defender os intereses da Galiza. A través das iniciativas rexistradas abordáronse todos os temas que afectan ao noso País e que dependen do Goberno do Estado. Así, o BNG seguirá a exixir unha transición xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas. “Apostamos por un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio e o noso medio frente ao espolio das grandes multinacionais, tal e como o estamos a ver agora cos múltiples macroproxectos eólicos que ameazan o noso medio natural, o noso mar e o noso patrimonio” enfatiza Rego durante a intervención.
“Reclamamos a modernización das infraestruturas de comunicación do noso País e prestamos especial atención a nosa rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza” subliña Rego mentres lembra a oposición do BNG frente os plans do executivo estatal de implantar peaxes nas autovías. Sen esquecer a loita pola transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas portaxes, pois o BNG seguirá a traballar para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.
Así mesmo, o Rego lembra a loita institucional que encabezou o BNG para salvar o complexo mar-industria do País durante o debate da Lei de Cambio Climático no relativo ao artigo 18 -agora artigo 20- onde defendeu a necesidade de regular “con criterio social e ambiental a ocupación do dominio público marítimo terrestre”. A emenda presentada pola formación nacionalista, e rexeitada polos socios de Goberno e polo PP, permitiría manter o previsto no artigo en relación coa ocupación do litoral por actividades agresivas co medio, mais ao mesmo tempo preservar as actividades sustentábeis da costa galega e salvagardar a totalidade dos empregos que, caso contrario, se porían en risco.