O Bloque Nacionalista Galego cre que a mobilización dos máis de 50.000 activos da SAREB -perto de 3.000 na Galiza- para política pública de vivenda e alugueres asumíbeis é absolutamente necesaria, de feito é unha medida que a frente nacionalista leva reclamando anos. No entanto, a frente nacionalista recea que o anuncio do Presidente do Goberno se produza só por interese electoralista -polos comicios municipais e autonómicos- e, neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza que o BNG estará atento para que concreten canto antes esta medidas, en paralelo á Lei de Vivenda.
“Levamos anos reclamando a mobilización dos activos da SAREB para a creación dunha bolsa de vivenda pública e social destinada ás persoas e colectivos máis desfavorecidos, así como para a mocidade” lembra o deputado do BNG no Congreso. Pola contra, o Goberno do Estado rexeitou desde o primeiro minuto esta proposta, así como a transferencia dos bens inmóbeis á Xunta de Galiza -Administración con competencias en materia de vivenda- para que mobilice o parque de vivendas baleiras e impulse novas medidas de protección e promoción pública.
Tal e como apunta o deputado do BNG no Congreso, a frente nacionalista defende “a intervención pública no mercado inmobiliario xa que estamos nunha situación en que é máis necesaria que nunca para garantir o acceso igualitario á vivenda”. Na Galiza, por exemplo, a Sociedade de Activos procedentes da reestruturación bancaria mantén en carteira, a día de hoxe, 2.735 vivendas, a maioría na Coruña e Pontevedra. “Son bens xa rescatados polo Estado que deben servir para fomentar as políticas de vivenda pública” engade.
Mais, a organización nacionalista recea que o anuncio de Pedro Sánchez non pase dunha medida electoralista, para pola proximidade dos comicios municipais e autonómicos. “O Partido Socialista anuncia a mobilización de 50.000 vivendas da SAREB para aluguer asumíbel agora , xustamente na proximidade da campaña electoral, o que nos fai recear que se trate só dun anuncio por interese electoralista, co risco de que non chegue a se executar dado o pouco que resta de lexislatura. O BNG leva anos reclamándoo e sempre se dixo que non era posíbel, até que interesou. Por iso estaremos atentos para que cumpran e non fique só en propaganda”, salienta.
Néstor Rego adianta a posición favorábel a esta medida –“máis vale tarde que nunca”- e a frente nacionalista reclamará que se concrete canto antes esta mobilización de vivendas para a promoción de alugueiros asumíbeis, en paralelo ao debate e votación da Lei de Vivenda, e se transfiran as do noso País á Administración galega, a que ten competencias en materia de vivenda.
Solucionar os problemas coas vivendas alugadas da SAREB na Galiza
No inmediato, a organización nacionalista volta a demandar ao Goberno do Estado que solucione os problemas de alugueiro de numerosas familias que, a día de hoxe, están en vivendas propiedades da SAREB na Galiza. Néstor Rego lembra as innumerábeis iniciativas rexistradas polo BNG na cámara baixa para que o ente público ofreza condicións dignas nos contratos de alugueiro e deixe de empregar tácticas de coacción propias dos fondos voitre.
“Reunímonos hai pouco co Secretario Xeral do Tesouro, de quen depende a SAREB, para que actúe de inmediato e cese o empeño desta entidade pública en estabelecer condicións abusivas aos inquilinos das vivendas. A SAREB agora é unha entidade pública que debe fomentar e promover condicións dignas no contrato dos alugueiros” explica Rego. Narón, Barro, Silleda, Burela, Vigo ou A Coruña son algunhas das localidades en que a SAREB ten vivendas e o BNG xa rexistrou iniciativas para facilitar unha solución para as familias inquilinas.