O Bloque Nacionalista Galego non participará na votación da Proposición de Lei sobre o poder xudicial despois do pacto alcanzado entre PP e PSOE que cualifica de “farsa” e sinala que esta proposta “nin acaba co lawfare nin avanza en democracia”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamenta a cesión do PSOE despois de chegar a un acordo coa dereita, asumindo e lexitimando as posicións do Partido Popular e alerta que, se se levar a cabo esta modificación lexislativa, estarase abrindo a porta a que sexan os xuíces os que nomeen o goberno dos xuíces.
O deputado nacionalista inicia a súa intervención na tribuna do Congreso preguntándolle aos deputados e deputadas do Partido Socialista se, “após tantos días de reflexión e de denuncia da existencia do lawfare a rexeneración democrática era isto? Pactar co PP asumindo e lexitimando as súas posicións?” Para iso, avanzou o deputado nacionalista, “connosco non conten. O BNG non vai participar desta farsa”.
“O bipartidismo tradicional español está actuando como tal e exercendo como o que realmente son: os dous principais piares do réxime de 78” denuncia Néstor Rego. De facto, o deputado lembra que pactaron unha “modélica” transición democrática que “é o pecado orixinal das severas limitacións democráticas que padecemos”.
Para Rego, non houbo unha depuración do poder xudicial fascista, como si aconteceu no Portugal de abril coa Revolución do Cravos. “A ‘modélica’ transición produciu milagres sorprendentes, como que o Tribunal de Orde Pública se deitase a 4 de xaneiro de 1977 como tribunal represor franquista e se erguese a 5 de xaneiro como Audiencia Nacional democrática. Todo un modelo a exportar” ironiza o deputado do BNG.
De aí, sinala, resulta un poder xudicial en que xuíces e xuízas actúan con criterios políticos. “Un Tribunal Supremo insubmiso á lei, que se nega a aplicala, facendo unha interpretación delirante e permitíndose mesmo criticar o poder lexislativo” exemplifica, facendo referencia á Lei de Amnistía.
Nin se acaba co lawfare nin se avanza en democracia
A proposta de PP e PSOE, explica Rego, non só non resolve nada disto, senón que o reforza. Abre mesmo a porta a que sexan os xuíces os que nomeen o goberno dos xuíces. É dicir, aclara Rego, “ xuíces fascistas nomeando xuíces fascistas, así de claro, porque dese proceso xuíces e xuízas demócratas fan ficar claramente excluídos”.
“Señoras e señores do PSOE, así non se acaba co lawfare nin se avanza en democracia. Non sabemos se xa decidiron mudar de socios, porque é evidente que neste contexto as xeometrías variábeis non son posíbeis. O que si sabemos é que hoxe están a decepcionar moitas persoas que creron o seu discurso de que había que confrontar coa dereita. Confrontar, non pactar rendéndose á dereita” sentencia Néstor Rego.