O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova, organización xuvenil da organización, convocaron onte na Guarda, dentro dos actos do Día da Patria Galega, a súa Festa Nacionalista do Baixo Miño na que contaron coa participación do deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego chamou a cidadanía a confiar nas propias capacidades da Galiza e a aspirar a un maior autogoberno, con capacidade fiscal e lexislativa que permita defender os intereses do País para mellorar a vida dos e das galegas. Demandou un novo marco, que vaia máis alá do marco autonómico, para poder decidir desde a Galiza o futuro e desenvolver políticas públicas que se adapten á realidade propia.
Para a organización nacionalista, o 25 xullo é o momento central da súa actividade, “un día para celebrar que somos galegos e galegas, que partillamos unha lingua e unha cultura propias. Que somos unha nación” afirma o deputado. Mais tamén un día para reivindicar unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e por unha Galiza libre. Por iso, neste contexto de crise social e económica, a organización nacionalista centra todos os esforzos na “necesidade de avanzar para unha nova Galiza para gañarmos o futuro”.
“O BNG é a única forza política deste país que, de forma permanente, antepón os intereses dos galegos e galegas diante de calquera outra cousa. É a única formación que vai á raíz dos problemas e que aporta solucións para os mesmos, e tamén porque é a única organización que sinala a necesidade de incrementar a capacidade de decisión dos propios intereses” destaca Rego apuntando á soberanía do País.
Para o deputado do BNG, mentres os galegos e galegas sigan sumidos baixo as leis aprobadas a 600 quilómetros, desde Madrid, ou a 1.800, desde Bruxelas non poderá desenvolver as súas capacidades e avanzar. “Por iso, o BNG está a reclamar a necesidade de superar o marco autonómico e camiñar cara un novo marco xurídico político que recoñeza á Galiza como nación, que blinde a súa capacidade de decidir sobre o seu futuro e que supoña poder adoptar decisións en ámbitos que son fundamentais para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas” salienta o deputado do BNG.
Na actual crise de prezos, ten un papel fundamental toda a regulación do sistema eléctrico que, para alén de estar pensada para maior beneficio dunhas poucas empresas, é unha competencia exclusiva do Goberno do Estado mentres que a Galiza é una verdadeira potencia en xeración de enerxía eléctrica mais non se beneficia desa capacidade. “Se tivésemos un goberno con capacidade para lexislar, regular e por a traballar eses recursos para o desenvolvemento social e económico da Galiza” destaca Rego, “poderíamos pór en marcha un sistema produtivo que xerase novas actividades e postos de traballo no noso País e que fose capaz de mellorar os salarios e, en definitiva, o benestar de todos os galegos e galegas.
“Pensemos nun Goberno ao servizo deste País que puxese en marcha un novo modelo de financiamento – a través do concerto económico- que permitiría ter unha media de 4.000 millóns de media cada ano para fortalecer os servizos públicos, impulsar as potencialidades do País e xerar emprego e mesmo para impulsar os sectores máis emerxentes da economía” destaca.
Para levar a cabo esta tarefa, o deputado nacionalista entende que é preciso “un BNG máis forte”. Convida ao conxunto da sociedade galega a apoiar ao BNG, participando na mobilización convocada para este 25 de xullo confiando na papeleta da organización nas eleccións municipais do vindeiro ano.