Néstor Rego mantivo un encontro esta mañá co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado por unha delegación municipal do BNG conformada polo portavoz municipal do BNG, Fran Rei e Iria Taibo, co obxectivo de poñerse a disposición do concello de Oleiros para trasladar todas aquelas reivindicacións que dependan do Estado na medida en que pode contribuír a mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas de Oleiros e da comarca.
O deputado nacionalista agradeceu o recoñecemento que o alcalde ten manifestado polo traballo desenvolto polo BNG, especialmente para impulsar de maneira decidida o proxecto de saneamento e rexeneración da ría do Burgo. Rego lembra que “a rexeneración da ría do Burgo foi un dos puntos que se incorporou o acordo de investidura alcanzado polo BNG” e que debe ser posto en marcha “ao longo deste ano 2020”.
O encontro, que discorreu nun ambiente de cordialidade, serviu tamén para contrastar opinións en relación co contexto político e, especialmente, sobre as eleccións de 5 de abril. Nese sentido, Néstor Rego agradeceu as declaracións públicas de García Seoane no sentido de considerar o BNG como forza política de cambio cara as próximas eleccións galegas. Rego sinalou o convencemento de que “se vai producir unha mudanza política neste este país o próximo 5 de abril” grazas á suma de apoios que está a experimentar o BNG.