O portavoz e candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, defendeu en Ribeira que "o bloque que defende Galiza non é o presidido por Sánchez nin Feijóo senón o Bloque Nacionalista Galego". Xunto coa número 2 da candidatura, Rosana Pérez e o portavoz no concello de Ribeira, Luís Pérez, debullaron os logros para o sector pesqueiro e marisqueiro que estivo presente de maneira continuada no Congreso a través do BNG.
"Conseguimos sacar adiante acordos importantes para o noso país e non houbo cuestións relevantes que o BNG non levase ao Congreso", afirmou Néstor Rego na súa intervención, destacando a continuada presenza de demandas e apoios para o sector marisqueiro e pesqueiro que subiron á tribuna grazas ao voceiro nacionalista, entre elas, a protesta polas vedas establecidas pola UE que o Estado español non foi quen de frear ou polo espolio da implantación da eólica mariña en zonas de vital importancia para a frota pesqueira.
Néstor Rego situou así o BNG fronte á dereita e ultradereita que supoñen retrocesos sociais mais tamén fronte unha esquerda que promete en campaña mais que non cumpre cos seus compromisos. "Precisamos ter mais forza, non só para arrancar acordos senón para obrigar a que se cumpran. O BNG é necesario para que ningún goberno esqueza este país", dixo.
Apuntou o cabeza de lista pola Coruña que, nestas eleccións, están impondo a mensaxe de que hai que elixir "entre o bloque que encabeza Feijóo e o que encabeza Sánchez mais a defensa dos intereses galegos está só no Bloque Nacionalista Galego".
A defensa continuada do sector pesqueiro
Pola súa parte, Rosana Pérez, que foi tamén deputada no Congreso e agora é a número dous da candidatura nacionalista, afirmou que os problemas e preocupacións do sector pesqueiro e da cadea mar-industria chegaron ao Congreso grazas a Néstor Rego. "O BNG estivo ao lado da frota cando se quixo impoñer un regulamento inxusto, cando se prohibiu a frota de arrastre; reclamando a baixada e axuda para os custos do gasóleo pesqueiro e e supresión do IVE aos produtos do mar cando se produciu a crise de prezos e poñéndonos do lado da cadea mar-industria cando se elaborou a Lei do Cambio Climático para que as empresas que o necesitasen puidesen estar á beira do mar", explicou Rosana Pérez, con algúns dos casos en que Néstor Rego defendeu temas fundamentais para os sectores do mar aos que sumou a aprobación a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais aprobado como emenda do BNG á Lei de Pesca Sostíbel.
Por todo isto, Rosana Pérez pediu que estas eleccións se tomen "en clave de país, tendo en conta o grupo que realmente apoia as reivindicacións e preocupacións, da voz de galegos e galegas, sen ataduras e sen mandatos fora dos nosos propios intereses".
O portavoz do BNG e candidatos á alcaldía de Ribeira, Luís Pérez, pediu a confianza da veciñanza da comarca ao que definiu como "proxecto de país, sen obediencias estatais" e apuntou tamén nos logros que, na pasada lexislatura, o portavoz nacionalista conseguiu con especial repercusión na Barbanza como a ampliación da oficina de Correos ou os distintos acordos para o sector pesqueiro.