O BNG, a través da súa portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida á Comisión Europea na que pide ao Executivo comunitario un estudo que avalíe o impacto que vai ter no sector pesqueiro galego a saída de Reino Unido da UE e, ao mesmo tempo, qu se suprima o denominado principio de estabilidade relativa.
Miranda lembra na iniciativa parlamentar que o sector pesqueiro galego está condicionado dende a entrada do Estado español na UE, polo principio de estabilidade relativa, un criterio de reparto de cotas baseado nos niveis históricos de capturas que implica unha porcentaxe fixa do esforzo pesqueiro autorizado para as principais especies comerciais en cada Estado membro.
Esta fórmula e entrou en vigor en 1983 e estaba previsto que durara ate 2011.
O BNG salienta na iniciativa parlamentaria que o sector pesqueiro galego saíu moi prexudicado coa aplicación dese sistema de reparto, posto que as cotas de pesca que lle corresponden a cada estado membro foron repartidas de acordo cos dereitos históricos fixados tres anos antes da entrada na UE da potencia pesqueira que era Galiza, a gran damnificada.
Nese marco, o estado español conformouse cun reparto inxusto dun 4% das capturas europeas, co que Galiza e a flota galega, -como denuncio lo BNG en múltiples ocasións-, ten unhas cotas de pesca moi inferiores á nosa capacidade pesqueira. A modo de exemplo dos prexuízos de aplicar este criterio, baste con comparar o 4% de cota que ten todo o estado español co 41% dun estado como Dinamarca.
O BNG quere que a Unión Europea estude o impacto socieconómico que vai ter a saída do Reino Unido da UE en relación co sector pesqueiro e, ao mesmo tempo, reclama como primeira medida a derogación do principio de estabilidade relativa discriminatorio coa frota galega.
Calquera que sexa a decisión que se adopte entre o Reino Unido e a UE, o sector pesqueiro galego debe ser tratado en condicións de igualdade, indicou Miranda, e iso pasa por suprimir o principio de estabilidade relativa. É tempo de derogar un principio que discrimina á frota galega, pois Galiza non entendería que se sigan mantendo privilexios en materia pesqueira. É tempo de tratar ao sector pesqueiro galego como se merece afirmou a portavoz do BNG en Bruxelas.