Unha multitude sae á rúa contra os ataques do PP á Sanidade e ao Ensino públicos

Nova resposta da sociedade galega ás agresivas políticas privatizadoras que está a despregar o Partido Popular. Comeza a ser unha evidencia que a grande maioría da sociedade galega non respalda a privatización da sanidade e o ensino que o PP promove coa crise como coartada. Miles de persoas, unha auténtica multitude, adonáronse hoxe civicamente das rúas de Santiago para contestar esta agresión sen precedentes contra dereitos sociais básicos.

Antes de que a marcha partise da Alameda, o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, mantivo un brevo encontro cos medios que aproveitou para replicar a Feijóo que “o mellor xeito de garantir os servizos públicos non é con recortes, senón cunha reforma fiscal que combata o escandaloso volume de fraude e que faga que os que máis teñen paguen máis”.

Canda Jorquera, e termando da faixa do BNG, estivo un moi numerosa representación de cargos orgánicos e institucionais do BNG, encabezados polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

O presidente da Xunta asegurou, nunha entrevista publicada hoxe mesmo nun xornal galego, que é imprescindíbel introducir recortes de gasto no ensino e na sanidade tendo en conta o actual contexto de crise económica.

En declaracións aos medios, o candidato do BNG á presidencia da Xunta lembroulle a este respecto que “o Estado español ten a presión fiscal sobre as rendas altas máis baixas de toda a Unión Europea, que o volume de fraude fiscal é absolutamente escandaloso mentres o PP aproba amnistías fiscais para os defraudadores”.

Jorquera replícalle a Feijoo que “o mellor xeito de garantir os servizos públicos é unha reforma fiscal para que as rendas altas paguen máis e frear a fraude fiscal”

Por iso, Jorquera defendeu que “o mellor xeito de asegurar a sustentabilidade dos servizos públicos e para evitar que teñan que pagar por servizos sanitarios básicos os nosos maiores, os nosos enfermos, os sectores máis febles da sociedade, é unha reforma fiscal que eleve a presión sobre as rendas altas e combata o extraordinario volume de fraude fiscal”.

O PP utiliza a crise como coartada para privatizar os servizos públicos

Ademais, advertiu de que “para o BNG resulta evidente que a crise económica está servindo de coartada para que o PP e a dereita económica cambien o modelo, apostando por precarizar a sanidade e a educación públicas para permitir o avance da educación e da sanidade privadas”.

10.000 millóns de euros menos para sanidade e ensino públicos e 23.500 para Bankia

Así, Jorquera denunciou que “ao mesmo tempo intentan convencer á sociedade de que os recortes en educación e ensino son inexorábeis pola actual situación económica, dedican miles de millóns de euros de recursos públicos á banca privada e recortan 10.000 millóns de euros no ensino e na sanidade públicas”.

Pola contra, o candidato do BNG á presidencia da Xunta salientou que “todos os indicadores demostran que aqueles estados e países que apostan por unha boa sanidade pública, por unha boa educación pública son os máis resistentes á crise, porque o gasto público, e en particular o gasto social, contribúe á reactivación da economía”.

Por iso, Jorquera subliñou que “para o BNG as persoas están por diante dos mercados, a prioridade das políticas públicas debe ser atender ás persoas antes que os mercados, porque desinvestir en educación e en sanidade é desinvestir nas persoas, o principal activo que ten todo país”.

http://youtu.be/G-DptrJLUT4

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG