O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, chamou este domingo á sociedade galega a secundar masivamente a manifestación que a formación nacionalista convoca para o Día da Patria Galega en Santiago (12 h, Alameda) baixo o lema de Rescata os Teus Dereitos, En Bloque Podemos!.
"Convidamos a todas as galegas e os galegos a que participen no 25 de Xullo para rexeitar con toda clareza a política inmoral, inxusta e inútil do PP", afirmou Guillerme durante a súa intervención no xantar-festa organizado polo BNG da comarca d'A Estrada-Deza, un acto que se encadra na campaña Día da Patria Galega 12 e no que tamén tomou a palabra a responsábel comarcal, Raquel López.
O PP está a agredir a inmensa maioría da sociedade galega
Fronte ás políticas do PP que ameazan co levar á ruína a Galiza, Guillerme defendeu un "cambio de rumbo" radical. "Temos que pelexar por conquistar a soberanía, a democracia e o traballo. Temos que pelexar por defender os dereitos sociais", arengou.
Combater a política do PP de raíz
"O BNG quer contar co concurso da inmensa maioría da sociedade galega porque é a inmensa maioría da sociedade galega a que está a sofrer a agresión dos gobernos do Partido Popular, quer o galego quer o estatal", enfatizou Guillerme.
"A política do PP hai que combatila de raíz para encetarmos un camiño, unha vía, absolutamente distintas, a favor das persoas e non a favor dos mercados nin dos poderes financeiros", concluíu.