O BNG levou ao Pleno do Parlamento a demanda ao Goberno do PP de aportar “luz e taquígrafos” no sistema de contratación do Sergas, “no que 889 millóns de euros foron pola vía dos contratos menores e negociados sen publicidade, 8 de cada 10 euros para a contratación foron a contratos a dedo”, denunciou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado.
“A situación de deterioro da sanidade pública non é casualidade, é froito das decisións constantes tomadas dun PP cando se lle piden responsabilidades fai un ‘non mires arriba’ ”, reprobou Prado sobre os distintos avisos que dende os organismos públicos se lle están a trasladar á Xunta, xa que, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, publicado en marzo, sobre Estatística de Gasto Sanitario Público 2021 “ Galiza é a penúltima en investimento en Atención Primaria, só o 11.8% fronte á media do Estado de 14.2%, é das últimas en gasto por habitante, sexta pola cola, das últimas en gasto en persoal sanitario, cuarta pola cola, e, en porcentaxe de orzamento sanitario respecto ao PIC, Galiza vai sétima pola cola”.
Prado fixo mención aos informes do Consello de Contas que fiscalizan a conta xeral do Sergas, nos que, sinálase, “moitas delas non pasan por un proceso de concorrencia competitiva”, reprobou. De feito, ditos informes sosteñen que o Sergas “está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación” , informou, e alerta de determinados servizos “nos que non se emprega ningunha fórmula contractual, senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso”, unha figura, detallou, “que vulnera os principios esenciais da contratación pública”.
Ademais, o Consello de Contas informou do recoñecemento de obrigas en varios centros “onde non consta a existencia de ningún marco contractual que o soporte”, advertiu a deputada nacionalista, con derivacións de, por exemplo, 253,4 miles de euros ao Hospital Quirón Salud, 340,5 miles de euros ao Povisa e 78 mil euros a Xestión Sanitaria Galega. “Son millóns de euros os que derivan ano tras ano á sanidade privada”, criticou sobre “o uso discrecional e arbitrario do orzamento de sanidade, dos cartos das galegas e galegos”.
A portavoz de Sanidade defendeu na Cámara a moción do BNG que ten por obxectivo rematar coa práctica de contratación, de forma directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, e actuar con transparencia na contratación pública fronte “unha actuación deliberada para xustificar facer o que lle dá a gana ao PP con cartos públicos fóra dos procedementos que debían ser os ordinarios”, reprobou.
Ademais, a parlamentaria do Bloque emprazou ao Executivo do PP a presentar un informe ao Parlamento coas derivacións do Sergas a centros privados e a contratación deste con empresas privadas no eido sanitario, así como unha auditoría externa a totalidade dos contratos menores e negociados sen publicidade realizados polo Sergas no ano 2022. Ditos compromisos foron rexeitados polo PP na Cámara, que se negou a aportar informe ou a modificar o actual sistema de contratación do Sergas.