A deputada por Pontevedra, Montse Prado, reclamou na Comisión parlamentaria de Sanidade que non se peche pola tarde o centro de saúde de Cambados e que se dote de dous equipos completos o Punto de atención primaria (PAC), tras denunciar os continuados recortes do SERGAS no servizo sanitario da comarca do Salnés, que motivou a protesta da veciñanza.
“Os veciños e as veciñas de Cambados manifestaron na rúa a súa oposición porque non queren que lles peche o centro de saúde pola tarde, fartos de que cada paso que da o PP sexa para empeorar a sanidade pública e a asistencia sanitaria no concello de Cambados e na comarca en xeral, como a supresión da área sanitaria do Salnés”, salientou.
Prado tamén citou como recortes o veto continuado do PP a dotar ao concello dunha ambulancia medicalizada, -pese a ser unha vella demanda da veciñanza e a que o hospital do Salnés non ten UCI-, e a non substitución de profesionais o que se traduce en listas de espera que chegan aos dez días.
“Por segundo ano pechan o centro de saúde polas tardes no verán, de novo causa alarma e de aí a contestación social, cada vez hai menos sanidade pública, precisamente no verán que aumenta a poboación nun concello con moitas actividades lúdicas e festivas”, alega Prado.
“Este peche non se publicita e a poboación ten que enterarse polos medios de comunicación ou cando chama para pedir cita”, explica, como consecuencia deste peche “prodúcese un incremento no punto de atención continuada sen que desde o SERGAS se reforce o persoal sanitario deste PAC co conseguinte deterioro asistencial”.
Unha situación que Prado cualifica de “despropósito” pois estase a falar dun PAC que non ten equipos completos, “de tal xeito que se hai que saír a cubrir unha urxencia o punto de atención continuado queda cunha cobertura mínima”. De aí a petición do BNG de que haxa dous equipos completos.
Prado concluíu denunciando a cínica posición do PP que non concello de Cambados vota a favor de manter aberto o centro de saúde polas tardes, por considerar que o peche é prexudicial para a veciñanza, e no Parlamento vota en contra da proposición non de lei do BNG que reclama precisamente a apertura de do centro toda a xornada, “é o intento do PP de quedar ben sen gastar nada”, criticou.