A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado afirmou que “non chega e resulta insuficiente ” que o PP se desmarque das afirmacións realizadas pola experta Beatriz Beatriz González que na súa comparecencia, na comisión de sanidade, cuestionou o gasto en doentes oncolóxicos sen expectativas. Para a deputada, resulta “moi grave” que nunha comisión de investigación, destinada a analizar as consecuencias dos recortes na Sanidade pública, “o Partido popular vete a comparecencia dun familiar da persoa falecida, este verán, nos corredores do PAC da Estrada por falta de asistencia ao atoparse fora do centro, o único médico do PAC para atender unha urxencia.
Montse Prado cualifica de “paripé” a comisión de sanidade na que “só comparecen persoas elixidas polo Partido popular” coa intención de “autoexculparse das graves consecuencias dos recortes na Sanidade Pública”.
Por outra parte, a parlamentaria do BNG tamén criticou que na Comisión de investigación, e por decisión do Partido popular, non comparecerán os traballadores e traballadoras dos PACs que reclaman máis medios e persoal, tampouco estarán presentes os pediatras, os doentes e os traballadores en precario. O Partido popular, sontén Prado, “non quere escoitar no Parlamento” as voces das persoas máis afectadas polas políticas regresivas aplicadas polo goberno de Feixóo e por iso, só comparecerán persoas que o Partido popular quere escoitar.
A comisión de investigación da sanidade , insistiu a deputada, non tirará luz sobre os graves problemas derivados dunha “política sanitaria baseada en continuos recortes e privatizacións” pero o peor, dixo, é que tampouco busca solucións nin alternativas, de aí que o Partido popular impida que comparezan as persoas máis afectadas e criticas coa política sanitaria.