A portavoz de sanidade, Montse Prado, reclamou á Xunta que atenda as demandas dos 190 profesionais do 061 e do Grupo Norte e negocie as necesarias compensacións polo traslado forzoso do centro de traballo desde Santiago ao concello da Estrada, que implica un deterioro nas súas condicións laborais en termos salariais, de tempo e de conciliación familiar.
“Reclaman unha compensación diante dun traslado que supón perda de cartos, nalgúns casos até un 15% do soldo, perda de tempo porque na práctica aumenta a duración da xornada laboral e dificultades de conciliación”, salientou Prado, quen reclamou do conselleiro de Sanidade que “abandone o inmobilismo, a imposición e aposte pola negociación” cun cadro de persoal que leva un mes en folga e coordina os servizos de emerxencia de Galiza.
“Estamos diante dun servizo esencial, negocie cos e coas traballadoras”, instou Prado, tras salientar que algúns dos profesionais “axudaron a montar o 061, están na central de coordinación desde o principio cando case non había nada e deron todo para sacar adiante un servizo esencial practicamente da nada. E vostede respóndelles como o peor dos patróns”, afeou a deputada ao titular de Sanidade.
O BNG subliña a profesionalidade e a experiencia dos e das profesionais que coordinan as emerxencias neste país, e a lexitimidade das súas demandas que contan con todo o apoio da formación nacionalista.