O Centro de saúde de Cambados está a vivir as consecuencias da política do Sergas pola non substitución do persoal, nin permisos, nin vacacións provocando a redución de servizos e sobrecarga asistencial. Para a portavoz de sanidade e deputada do BNG, Montse Prado “non existe ningunha razón que xustifique o peche en horario de tarde do centro de Cambados”, circunstancia que está a obrigar ao persoal a asumir o traballo dos “escasos profesionais” do centro d@s traballadores e traballadoras que non están por mor da implantación do Sergas do sistema de “intersubstitución”.
A nacionalista explica, na proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego, que no verán de 2017, a Xunta tomou a decisión de dar “un paso máis no deterioro da prestación do servizo ao pechar o centro de saúde en horario de tarde, decisión que este verán de 2018 pretende consolidar”. Esta decisión, reitera a deputada, “non ten ningunha xustificación” e menos aínda ante a demanda sanitaria que aumenta polas persoas desprazas en período estival e celebración de festas.
O peche, denuncia a deputada non se publicita para evitar queixas das veciñas e veciños. Ademais, asegura Prado, moitas persoas demandan atención en horario de tarde e ao carecer deste servizo se ven obrigadas a acudir ao PAC o que provoca unha importante sobrecarga no persoal que repercute negativamente no “peche de axendas, desorganización pola constante necesidade de redistribuír a demanda asistencial ou a duplicación de citas. Unha sobrecarga asistencial que incide no deterioro da calidade asistencial e colócanos, afirma a nacionalista ante un “auténtico despropósito, tanto para @s profesionais como para @s doentes”.
O BNG insta ao Goberno galego a: a substituír o persoal do Centro de Saúde de Cambados, tanto nas licenzas como en vacacións, a realizar todas as accións precisas para manter a asistencia sanitaria en horario completo “de mañá e de tarde no centro de saúde” e garantir a presenza de equipos completos de profesionais en todas as quendas do PAC do centro de saúde de Cambados.