A portavoz parlamentaria de Emprego, Montse Prado, aproveitou a comparecencia do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Marnotes, para denunciar que a Xunta leva dúas anualidades (2015-2016) sen convocar as axudas para a formación continua, e que deixou sen executar 16M€ para fomentar a competitividade dos e das traballadoras e das empresas, nun contexto de recesión económica, paro e emigración.
Prado expresou a súa preocupación pola falta de explicacións “ante o feito de que a Xunta teña saltado dúas anualidades en formación continua e que aínda non se teña feito a convocatoria de 2017 pese a estar nun mercado laboral competitivo no que é preciso mellorar a empregabilidade dos e das traballadoras”, indicou.
“Onde foron a parar os 16 millóns de euros que non se executaron en formación dos e das traballadoras en activo? Por que non se levaron a cabo as convocatorias?”, foron preguntas recorrentes de Prado durante a comparecencia de Marnotes que o director xeral eludiu responder. Silencio que para a deputada evidencia que a Xunta “ten moito que agochar neste asunto”.
En 2015 a Xunta recibiu unha transferencia de 8,6 millóns de euros do Estado para formación de ocupados, “pero sen executar nin un só euro porque non houbo convocatoria”, en 2016 a transferencia foi de 8,8 millóns, “e de novo non se executou nin un euro porque tampouco houbo convocatoria”, salientou a deputada, “pero non sabemos a onde foron parar eses fondos”.
“Como é posible compatibilizar a suposta preocupación do goberno coa formación da clase traballadora e que despois non se executen as partidas en formación continua por un importe de 16 millóns de euros?”, se preguntaba Prado, quen tamén chamou a atención da desaparición de postos de traballo nas entidades que se ocupan de impartir esta formación ante o desinterese da Xunta.
A deputada criticou que a única explicación ante esta situación de “desidia política” coa formación continua se limite a un “está en tramitación” a convocatoria de 2017.