O BNG critica o veto de PP e PSOE á transferencia dos portos de interese xeral, - Vigo, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Ferrol-San Cibrao-, e defende esta demanda por considerar que o actual modelo centralista recorte o potencial do sistema portuario galego.
“Os portos galegos son un apetecíbel negocio para o Estado que, xunto coas lonxas adscritas a estes portos, aportan millóns de euros a Madrid”, indicou a deputada Montse Prado, quen salientou que só en descargas de peixe, Galiza ocupa o primeiro lugar do Estado, de tal xeito que supoñen o 52% do conxunto estatal.
Hai que ter en conta que nas operacións portuarias obtéñense importantes beneficios económicos por aplicación de taxas de atraque, fondeo, axuda á navegación, pasaxe, mercadoría, recepción de refugallos, carga e descarga, venda, concesións por instalación de naves e actividades industriais ou comerciais, entre outras. De feito, en 2016 os ingresos por taxas portuarias nos seis peiraos de interese xeral en Galiza sumaron un total de 77,2 millóns de euros.
Pero o beneficio vai parar ao Estado. “Non é posíbel desenvolver unha política portuaria merecente de tal nome, mentres sigan a manter a competencia estatal, dependendo de Madrid”, salientou a portavoz de Pesca, Montse Prado.
59 das 122 instalacións portuarias de competencia da Xunta, -case a metade de todas e as máis importantes en canto á actividade pesqueira-, localízanse en rías nas que se asentan instalacións portuarias dependentes do Estado ou en espazos tamén de competencia estatal.
“Este modelo que aposta pola centralización en Madrid e pola privatización de servizos, imposibilita calquera proxecto de futuro para o sistema portuario galego”, denunciou Prado, de aí a petición do BNG de que sexan transferidos a Galiza os portos de interese xeral.
“Deben deixar de ser considerados como negocios rendíbeis para o Estado e pasar a ser motor dun sistema portuario galego, de carácter público e ao servizo do potencial de Galiza en relación ao tránsito marítimo na súa vertente pesqueira, comercial e de servizos”, concluíu Prado, tras reprochar a PP e PSOE o seu centralismo en contra dos intereses do país.