Montse Prado acusa ao PP de abocar ás persoas á escravitude laboral

A deputada denunciou  que a reforma do mercado laboral resulta agresiva c@s traballadoras, abarata e facilita o despido, rebaixa os salarios e rompe o equilibrio asalariad@s e empresas

Montse Prado pediu hoxe no Parlamento galego, a través dunha Proposición non de lei, “derrogar o Decreto-lei 3/2012” de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral que está abocando aos traballador@s a situacións de “escravitude laboral”.

A proposición non de lei nacionalista apoiada polos grupos do PSdeG e AGE foi rexeitada polo Partido popular.

Na súa intervención, a deputada lembrou que os datos da EPA, con máis de seis millóns de desempregad@s, son “estremecedores”, en Galiza, explicou, hai 37.000 persoas desempregadas máis nun ano, 20.000 fogares con todos os seus membros en paro, o desemprego xuvenil por riba do 50%, EREs non pactados que superan o 300% e a taxa de desemprego sitúase no 22,35 por cento.

Máis horas de traballo, menos salarios e condicións laborais que raian “a escravitude”

Prado acusou ao Partido popular de provocar no Estado español a rebaixa “máis drástica dos custes laborais” provocando que  as persoas   “traballen moito máis e gañen moito menos”.

Neste sentido, afirmou que esta medida obriga “a traballar máis horas e cobrar menos” e reprobou que o Partido popular se escude en que sempre hai “alguén que o pode facer máis barato”. Unha Reforma Labora, engadiu, que ademais de resultar “moi agresiva” cos traballador@s, non facilita “saír da crise”, representa un “retroceso” nos dereitos da clase traballadora e facilita “un exercito de reserva que acepta peores condicións laborais e máis precarias”.

A parlamentaria denunciou que o PP utilice a crise para levar por diante dereitos que a clase traballadora conseguiu ao longo dos anos, “vostedes non asumen os datos do desemprego e buscan que moitos traballadores acepten condicións de escravitude laboral”.

Tres de catro empresas utilizan a reforma laboral para “rebaixar os salarios e aplicar condicións inferiores ás conveniadas”, dixo.

As empresas utilizan a crise para despedir traballador@s

Prado tamén explicou que dende a aprobación do Real –Decreto xa non é necesaria a autorización da administración laboral para aplicar os expedientes de regulación (EREs), permite a rebaixa salarial decidida unilateralmente pola empresa e “dinamita a negociación colectiva”, dereito, dixo, que “deixa aos traballador@s en grave indefensión ao rachar o “equilibrio entre empresari@as e asalariad@s”.

A nacionalista reiterou que o Decreto-Lei de reforma laboral, tras un ano da súa aplicación, “non acadou os cambios prometidos” ao redor do 90% dos novos contratos, “son temporais” , os EREs pactados “disparáronse”, a reforma laboral provocou “menor calidade do emprego, aumentou a temporalidade, rebaixou os salarios e incrementou as desigualdades”, manifestou.

A parlamentaria reiterou que a reforma laboral incrementou as desigualdades, retraeu o consumo, pechou miles de comercios e constata a perda de capacidade de aforro.

Montse Prado concluíu reclamando do Goberno galego “un cambio de rumbo nas políticas laborais” e o  recoñecemento de  que as reformas acometidas contra os traballadores non van na “senda de crear emprego”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG