A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, sinalou ao candidato do PP, Arias Cañete, como culpable do desguace da frota cefalopodeira galega, a maioría da comarca do Morrazo, por tela deixado fóra o PP do acordo da UE con Mauritania. Nun mitin en Cangas xunto ao portavoz nacional, Xavier Vence, Miranda pediu ás galegas e galegos que aproveiten o 25 de maio voten para mandar ao desguace a Arias Cañete e ao PP.
Lembrou que Arias Cañete era ministro de Pesca cando se negociou en Bruxelas o acordo UE-Mauritania que deixou fóra aos barcos galegos: Traicionou a Galiza nesa negociación pesqueira, porque non moveu un dedo pola frota galega, como si fixo pola andaluza, denunciou Ana Miranda.
A cabeza de lista do Bloque acusou a Feijóo e a Rajoy de ser os reis Midas da política galega porque só pensan no ouro mentres a xente pasa fame. O PP só pensa nos cartos, en rescatar aos bancos, en pagar a débeda e os intereses aos especuladores, sen importarlles se para iso teñen que afogar á xente e recortar servizos públicos, denunciou.
Galiza ten dereito a pescar
Miranda salientou que Galiza é unha potencia pesqueira e ten que ser respectada, ten dereito a pescar e a poder producir , por iso, denunciou as políticas da Unión Europea que incentivaron o cese da actividade pesqueira e o desguace dos barcos. Esta Europa de mercaderes non quere que os barcos galegos vaian pescar, non quere que vaian ao mar, prefire que vaian á chatarra, criticou. Isto provoca paro, pobreza, emigración, miseria, dixo a candidata do Bloque, que defendeu para o noso país outras políticas de apoio aos sectores produtivos. Galiza non quere subsidios, quere que lle deixen pescar e que lle deixen producir, esixiu Miranda, que nesta lexislatura defendeu no Parlamento Europeo o aumento das cotas de pesca que a UE impón ao noso país.
Nun mitin ao aire libre, na Praza das Pontes de Cangas, no que tamén interviu o responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, Miranda explicou que o agora candidato Cañete deixou á frota galega fóra do acordo con Mauritania, o maior de todos os acordos asinados pola UE en materia pesqueira, cun importe que ascende a 67 millóns de euros.
Fronte á pasividade de Cañete e do PP, o BNG estivo sempre na defensa da frota cefalopodeira galega, a maioría con sede no Morrazo. Foi o BNG quen levou o sector a Bruxelas, o que lle deu voz no Parlamento Europeo, cousa que non fixeron os Gobernos do PP, nin o da Xunta nin o do Estado, que preferiron ter unha axenda paralela para incluír no acordo á frota andaluza, deixando á nosa frota na ruína", criticou.
Aprender dos erros
O portavoz nacional, Xavier Vence, admitiu que os do Bloque ao mellor non o facemos todo ben, temos que aprender dos erros, pero o que non se nos pode reprochar aos do BNG é que non defendamos sempre, sempre, a este país alí onde imos, no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e tamén no Parlamento Europeo, asegurou.
Vence dixo que as políticas do PP condénannos ao futuro das maletas outra vez. Ese non é futuro, o futuro pasa por poder producir e crear emprego aquí, pero emprego non precario porque tampouco é futuro un salario de 600 euros. Iso é pobreza para hoxe e miseria para mañá, asegurou.
O dirixente nacionalista tamén alertou de que o PP está empeñado en que a xente se quede na casa e non vaia votar para poder seguir facendo as cousas coma ata agora, beneficiando aos bancos e prexudicando á xente. Denunciou tamén o intento de silenciar ao BNG. Queren silenciarnos e eliminarnos dos medios públicos, como quere facer a nova Falange rosa española, pero non o van lograr, porque Ana Miranda é unha muller galega, rabuda, loitadora e traballadora que non van poder calar, concluíu.