Miranda: "Máis control na pesca de quenllas, pero sen penalizar á frota galega de palangre"

O BNG respalda á frota galega de palangre na súa reclamación dun maior control e certificación na pesca de quenlla, ao tempo que critica a decisión da Eurocámara que hoxe aprobou a total prohibición de cortar as aletas dos escualos dentro das embarcacións, en aras da erradicación do denominado "finning", unha práctica que consiste en cortar as aletas das quenllas e tirar ao mar o corpo, que xa está prohibida pola UE desde 2003, que o BNG condena de maneira inequívoca e que non practica a frota galega, que aproveita todo o corpo do animal para distintos usos comerciais.

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, salienta que esta prohibición supón un prexuízo económico grave para a frota galega que pode ter consecuencias no emprego, ao tempo que afecta ás condicións laborais ao converter as aletas adheridas conxeladas nun elemento de risco na seguridade da tripulación durante o traballo no buque. Tamén ocasionará problemas de almacenamento nos barcos e obrigará a facer descargas en porto con maior frecuencia, co conseguinte incremento de costes na frota.

Miranda recalca que a medida aprobada hoxe "supón penalizar á frota galega por algo que non só non practica, -o finning-, senón que condena, pagando polo que fan frotas de terceiros países que acaparan o 90% das capturas mundiais de escualos fronte ao 10% da frota comunitaria, case toda galega e portuguesa", explica a eurodeputada.

Neste sentido, o BNG apoiou as propostas do sector de maiores controis sobre as capturas de quenllas, como a obrigatoriedade de desembarcar sempre no mesmo porto o corpo do animal e das aletas comprobando que se respeta a proporcionalidade de peso establecida para cada parte, limitar as posibilidades de cortar as aletas a bordo á frota conxeladora, e contratar empresas auditoras independentes para que certifiquen que se cumpre a normativa, en particular cando as descargas se realizasen en portos con mecanismos de control insuficientes.

A frota palangreira galega que se adica a captura de tabeirón está integrada por 141 barcos, a maioría con base no porto de A Guarda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG