O deputado pola Coruña e portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, interpelou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, en sesión plenaria para reclamarlle ao Goberno da Xunta que escoite o clamor social expresado nas rúas contra a mina de Touro-O Pindo.
“O pasado día 10 a Praza do Obradoiro quedouse pequena para acoller aos milleiros de persoas que erguendo a súa voz reclamaban o dereito á vida para eles e para ós seus fillos e fillas”, salientou, “moitas das persoas en contra dese megaproxecto mineiro asistía por primeira vez a unha manifestación, pero víaselle no rostro a súa decisión”.
Rivas salientou que o proxecto espoliador e contaminante, que pretende levar adiante Cobre San Rafael, afectaría tanto aos concellos de Touro e O Pindo como aos de toda a comarca, e suporía unha afectación directa sobre os acuíferos e, a través destes, ás augas do ría Ulla poñendo en risco as explotación marisqueiras da Ría de Arousa, unha das máis ricas do mundo.
“Na balanza deses milleiros de persoas que tomaron a rúa pesa máis a sustentabilidade do territorio que vai de Touro a Aguiño co millonario negocio dunha empresa espoliadora que non vai xerar riqueza no territorio deste país, diga o que diga a propaganda”, recalcou, xente do común “que ve ameazado o presente e o futuro”.
O deputado do Bloque criticou a falta de concreción e de compromiso do conselleiro de Industria ao que acusou de “agochar” información de xeito sistemático sobre o proxecto da mina. “Sabe que levan meses agochando información vital sobre a mina, coñece que nos últimos dez anos, dos máis de trinta que leva parada, houbo analíticas e que as augas non son de fiar, nin as subterráneas e as superficiais”, explicou.
Rivas tamén foi contundente ao denunciar a desidia da Xunta á hora de facer cumprir á empresa as condicións da concesión da mina que agora se quere reabrir ampliada,. “Non son de fiar porque gobernando non quixeron ver o que alí había, porque non moveron un dedo na defensa da veciñanza, nin fixeron apercibimento algún á empresa, nin un aviso. Nada, pese a que a concesión xa está en período de caducidade”, recalcou.
“Están en perigo milleiros de postos de traballo, desde as explotacións leiteiras das terras altas ata os cultivos mariños da ría, as augas potables de máis dunha ducia de concellos que beben do Ulla e a saúde do territorio”, concluíu, para reclamar ao Goberno que dea carpetazo ao ese proxecto megamineiro, espoliador e contaminante.