O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, alertou na Cámara do uso abusivo de praguicidas e herbicidas no rural galego, que vai desde a súa utilización no millo forraxeiro aos invernadoiros de flor, desde unha boa parte da horta de autoconsumo á horta profesional.
Rivas centrou a súa atención naqueles pesticidas compostos de glifosato, produto químico “no que gastamos arredor dos 10 millóns de euros”, indicou, “sen que no portal de transparencia da Xunta haxa ningún informe do Comité Fitosanitario Galego encargado de velar polo bo uso deste tipo de substancias, planificar anualmente medidas de inspección, velar pola seguridade e reducir impactos ambientais derivados do manexo deste tipo de produtos”.
“Nada sabemos se ten abordado o problema denunciado pola Fiscalía do Estado, que solicitou ao gobernos de Galiza, xunto co de Castela-León, a anulación de case 7.000 carnés de manipulación de fitosanitarios obtidos fraudulentamente entre 2015 e 2016”, indicou, ao que se suma a denuncia das organizacións agrarias alertando de que moitos dos cursos de formación impartidos para o manexo destes produtos “foron ridículos”.
Neste sentido, o Bloque solicitou á Consellería de Medio Rural que adopte medidas tanto para reducir o uso de pesticidas e herbicidas a base de glifosato como tamén para controlar os efectos derivados da súa utilización, “porque o problema está aí con toda a súa crueza”, advertiu o deputado.
“Pedímoslle que defenda a saúde dos e das galegas, que se anticipen, nada mais, para que non volve ocorrer o mesmo que con outros produtos químicos que desde a Xunta do PP se resistía a considerar tóxicos, como o flufenoxurón en plantacións de eucaliptos”, recalcou Rivas.
Por iso, salientou, “cremos necesario que desde a Administración pública, en particular dende o Comite Fitosanitario Galego, se faga un primeiro estudo entre a poboación de risco, continuado no tempo, establecendo as analíticas nos períodos de aplicación do praguicida a base de glifosato e nos períodos de descanso para poder contrastar”. Petición ante á que o conselleiro de Medio Rural limitouse a salientar que o glifosato é un produto autorizado pola UE e polo Estado español até o 2022.