Rivas cualificou os orzamentos presentados pola conselleira de Agricultura, Ánxeles Vázquez como as “contas feitas para un país imaxinario” que esquecen a realidade galega. Galiza, dixo é o país dos tres monocultivos e precisa doutro enfoque porque nestes orzamentos hai un erro de base, “o rural non existe, só existe na agonía ao que vostedes o someten”.
O monocultivo “intensivo do eucalipto”, “o monocultivo intensivo lácteo” como economía base e “o monocultivo intensivo do abandono”, este é o rural para o que vostedes non teñen solucións, un “rural vendido” por un goberno que renunciou a darlle futuro.
Rivas reivindicou a “soberanía alimentaria” e atender os berros de auxilio que está a mandar o rural polo que preguntou para cando un cambio dunha política forestal “fracasada” como evidenciaron os últimos incendios e onde as franxas de protección que tiñan antes os núcleos de poboación. O deputado insistiu na necesidade dunha primeira ordenación do monte para que non se repita outro 15 O “porque a matogueira chega ás casas”. Os lumes do outro día mostráronnos a cara real do monocultivo e tamén da súa incompetencia, recalcou o nacionalista.
O deputado asegurou que as orde de axudas para paliar os danos da seca do lume “son insuficientes” e non van na dirección de recuperar os efectos dos incendios polo que reclamou dotar de máis recursos as axudas e axilizar a súa concesión e valorar os danos na súa xusta medida. “Os gandeiros non poden agardar seis meses a cobrar polos forraxes e recuperación de pastos, o gando necesita ser alimentado todos os días”.
Finalmente, Rivas reiterou a necesidade dun cambio de rumbo nas políticas de Medio Rural para “devolver a esperanza e confianza da xente nos diferentes sectores” e un maior impulso para desenvolver a súa actividade económica.