O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pide en Boimorto “unha grande mobilización” o 12 de xullo para facer posible “un cambio real en Galiza liderado polo BNG”. Asegura que só o BNG no goberno da Xunta fará posible políticas que “defendan a nosa industria, o medio rural, o medio ambiente e os servizos públicos”.O candidato nacionalista reiterou a necesidade de “iniciar este cambio” para dotar o medio rural dos servizos que precisa, porque “non hai cidadanía de segunda”. É necesario contar cun goberno “con peso” nos foros nos que se toman as decisións do noso futuro, e ese goberno debe estar liderado polo BNG e presidido por unha muller que encarna as conviccións do nacionalismo e o feminismo, “esa muller é Ana Pontón”.
O nacionalista explicou que non é fácil vivir nun medio rural de tanto contraste e nun País fraccionado en parcelas, mesmo antagónicas. Nos nosos sectores primarios, explicou Mini, conviven as explotacións gandeiras da máis avanzada tecnoloxía de Europa con paisaxes abandonadas. Coexisten cultivos de horta avanzados e rendibles coa horta do autoconsumo e o abandono. A política de montes en xeral e a forestal en particular, recalcou o nacionalista “non pode ser monopolizada polos intereses de Ence e o taboleiro”. Necesitamos unha política forestal que deixe atrás o “monocultivo do eucalipto por alternativas rendibles e respectuosas co noso medio ambiente”. A actual política forestal está ao servizo de ENCE e das “portas xiratorias do PP” para incluír nos consellos de administración as antigas conselleiras e conselleiros.
Dende o BNG, dixo, témolo moi claro. Queremos un monte “multifuncional, biodiverso e rendible” e non queremos que sexa pasto do lume todos os veráns sen que a consellería de Medio Rural puxera medios para impedilo. Hai que abandonar o vello deseño do PP e aplicar “políticas valentes” para recuperar o noso monte e defendelo das vagas de lume. A prevención está antes que a extinción e nesa liña traballaremos dende o goberno para protexer as vidas, as casas e as explotacións.
Por outro lado, Xosé Luís Rivas volveu a demandar un medio rural “vivo, dinámico e que produza riqueza na zona” fronte ás agresións de “irregulares implantacións de eólicos e agresivas extraccións mineiras”. Sempre acontece o mesmo, dixo, veñen as empresas acaban cos nosos recursos e despois marchan sen ningún compromiso para recuperar as zonas esquilmadas pero “a enerxía, o vento e os recursos naturais son nosos” e por iso teremos “unha tarifa eléctrica galega para beneficiarnos do que producimos e impediremos que a nosa terra sexa utilizada para vertedoiros disfrazados de plantas de residuos e políticas verdes inexistentes”.
Para cambiar o rumbo, dixo o candidato é necesario “votar nacionalismo, votar BNG”, unha forza que conxuga as políticas sociais cos cambios estruturais que o País necesita, a defensa dos sectores produtivos coa afirmación da nosa identidade, o desenvolvemento económico e o respecto ao Medio Ambiente e Ana Pontón é a muller que ofrece esa garantía de traballo honesto, amabilidade e firmeza para presidir un goberno galego que lle dea a Galiza o empuxe que merece.