O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou na Cámara ao goberno galego que conclúa a concentración parcelaria de Catoira posta en marcha en 2008 coa licitación do proxecto pero que, a día de hoxe, está sen executar provocando un abandono das terras de cultivo ante a indeterminación que senten os e as propietarias por cal van ser o seus terreos no futuro.
A concentración foi declarada de interese social e de urxente execución, especialmente polo cultivo de viñedo das terras deste municipio, que forma parte da denominación Viños da Terra de Barbanza e Iria, á vez que supón unha posta en valor da superficie rústica mediante a ampliación da base territorial das explotacións agrarias e forestais, co fin de superar a atomización da propiedade que impide a viabilidade das mesmas.
“O que pide o BNG é que se faga dunha vez a parcelaria en Catoira para corrixir a fragmentación de toda a zona con terreos ata de cuartillos, e imos traer cantas veces sexan necesarias as reclamacións da veciñanza en vista de que a Xunta non atende as súas demandas”, salientou Rivas na Comisión parlamentaria de Agricultura. “Teñen medo a unha asemblea veciñal”, recalcou.
Igualmente, o deputado do Bloque defendeu “que e os cartos públicos que se invertan teñan rendibilidade, e no caso do proceso de parcelaria de Catoira serviron para o contrario porque se estivesen as antigas demarcacións as terras seguirían cultivadas”, alegou.
Por contra, a ineficacia da Xunta incapaz de finalizar a necesaria concentración de terras no concello, “paralizou a agricultura de horta durante dez anos”, e todo iso sen dar explicación algunha a veciñanza, "non teñen corazón porque durante unha década non lle deron resposta”, espetou Rivas ao director de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, “teñan a valentía de falar coa xente, non mandar panfletos por medio do carteiro porque a veciñanza está esperando unha explicación, certezas e vostede non llas dan”.
Na súa intervención explicou que a concentración de Catoira foi declarada de utilidade pública, interese social e urxente execución por Decreto no ano 2000 e no 2005 impúlsase a redacción do Estudo de Impacto Ambiental e proxecto de camiños. O levantamento topográfico e as bases provisionais son de outubro de 2006 e as bases definitivas de outubro de 2007.
No 2008 foi realizado o proxecto de concentración das novas leiras, a prospección arqueolóxica intensiva das trazas dos camiños e a execución da rede principal de camiños, cun orzamento total de 3,4 M€. No ano 2008 expóñense as bases definitivas pero o proceso se ve ralentizado polos numerosas reclamacións presentadas, máis de 1.000 pero o certo é que dende 2008 nada se leva feito, salienta o BNG.