O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, acusou a Xunta de volver elaborar o plan de loita contra os lumes, -PLADIGA-, a través do método de “corta e pega que tanto lles mola, repetindo a rutina de todos os anos” sen que houbese, coma é preceptivo, reunións de distrito coas Mancomunidades de Montes para planificar as labores de prevención e defensa de cada unha deles, pese a que representan 700.000Has de monte.
“Xa sei que en anos anteriores tampouco fixeron estas reunións previas, porque para o PP o PLADIGA vén sendo outro documento coma o Plan Forestal, un mero trámite sen contido que non se toman en serio, porque non se toma o monte nin o rural en serio e así nos vai”, criticou Rivas na súa interpelación á conselleira de Medio Rural.
Para Rivas, “un PLADIGA de verdade ademais dunha parte de corta e pega, digamos fixa, ten outra máis interesante, resultante dunha avaliación anual de tódalas medidas de prevención tomadas, dos lumes acaecidos, das causas e comportamento dos mesmos e dos erros e acertos dos dispositivos de emerxencias e de extinción”, argumentou.
O deputado nacionalista fixo fincapé en que para que o PLADIGA resultase eficaz sería imprescindible facer cada ano unha reflexión e avaliación polos propios axentes sociais relacionados co monte e co diverso operativo de prevención e extinción, “e tralos pertinentes informes e reunións de debate, poder contar cun plan de loita contra os lumes que, de verdade, respondese a unha realidade cambiante e fose un instrumento eficaz na loita ante incendios”.
Para a formación nacionalista, o PLADIGA debería estar consensuado e aprobado no primeiro trimestre do ano, reverter a privatización dos instrumentos de combate contra as lapas, un mando único, a profesionalización de todos os efectivos e un plan de acción inmediata con orzamento específico para facer reais as franxas de protección en vivendas e infraestruturas.