A deputada do BNG, Mercedes Queixas lamentou que o PP “perdera a oportunidade de rectificar” os erros históricos a nivel municipal e consentidos polo goberno autonómico en relación aos “graves asolagamentos” producidos en Sada polo desbordamento do río Maior. Unha vez máis, recalcou Queixas, “o PP dálle as costas á veciñanza sadense” e vota en contra da iniciativa do BNG para : “concretar, con carácter urxente, o proxecto e os prazos de execución da mellora estrutural na canalización do Río Maior na súa desembocadura e contemplar o proxecto estrutural que descubra o río, tal e como recoñece Augas de Galiza”.
Queixas remarcou que os graves desbordamentos provocados polo Río Maior no seu treito final, proceden da autorización de “recheos da zona dos humidais das Brañas” pero sobre todo da “política urbanística especulativa”. Neste sentido, lembrou que o BNG propuxo “desenterrar o río” para devolvelo ao seu espazo natural e en convivencia coa veciñanza de Sada. A nacionalista avogou por “renaturalizar o río” e dende o BNG, insistiu, entendemos que temos “unha débeda co Río Maior, con Sada e o coidado das brañas” xa catalogado como espazo natural no MAPRI e como zona de gran risco de asolagamento.
A xuízo da deputada, o voto desfavorable do Partido popular “desacredita ao grupo parlamentario e ao propio goberno”. O PP, explicou, votou en contra da alternativa do propio departamento de Augas de Galiza, a máis “acaída” hidráulica e ambientalmente para proceder á eliminación total do encanamento do treito final do río Maior no núcleo de Sada.
Na defensa da iniciativa, a nacionalista relatou que no mes de marzo do ano 2016 tivo lugar un grave asolagamento nunha parte do casco urbano de Sada que provocou cuantiosos danos en máis dun centenar de locais comerciais, vivendas e enseres.
A propia toponimia dos lugares asolagados evidencia as características do espazo: as brañas, a lagoa, a ponte, Cantalarrana…
As fortes chuvias coincidentes coa crecida da marea mais o encanamento e soterramento do Río Maior na súa desembocadura, conformaron o contexto perfecto para un asolagamento difícil de esquecer para a veciñanza de Sada. O BNG trouxo a esta cámara iniciativas para que a Xunta activara as accións necesarias para evitar que se repetisen situacións semellantes.
Por outra parte, en decembro de 2020, a Xunta asinou a través de Augas de Galiza, coa actual Conselleira como presidenta deste ente e co Concello de Sada, un modelo de convenio para acometer as obras de mellora do funcionamento hidráulico do Río Maior co fin de minimizar o risco asociado á área de risco potencial de inundación. Un convenio que non fixaba prazos de execución mais si cantidade: “1,5 millóns de euros a repartir entre cada administración”. No ano 2021 foi formalizado o contrato do proxecto construtivo e Augas de Galiza propuxo proceder a eliminación do encanamento do final do treito final do río. Tras encargar o concello o estudo de tráfico polo impacto das obras, concluíu que “as obras de peonalización e canalización do Río Maior son compatíbeis co tráfico do entorno no que se atopa”. Posteriormente, en febreiro de 2022, o Concello de Sada “acordou unanimemente” aceptar a alternativa proposta por Augas de Galiza para deixar a ceo aberto a parte final do río e continuar co proxecto de melloras para reducir o risco de inundación dunha das áreas catalogadas como de alto risco.
“Hoxe o Partido popular vetou no Parlamento galego a proposta de Augas de Galiza e o acordo unánime do Concello de Sada” recriminou Mercedes Queixas ao PP.