A deputada do BNG, Mercedes Queixas demanda, a través de diversas iniciativas rexistradas no Parlamento galego, apoio a lingua galega como lingua vehicular do ensino. Neste sentido, afirma que Feixóo “ratifica o seu desleixo cara o galego renegando da súa capacidade como lingua vehicular no ensino” e cualifica de “peche perimetral ao galego” a intención do presidente da Xunta para anular o galego como lingua de coñecemento e aprendizaxe na escola.
Por outra banda, a nacionalista exixe que sexa presentada a avaliación do Decreto do Plurilingüismo, “unha obriga incumprida dez anos despois” así como as medidas de rectificación demandadas neste ámbito polo Consello de Europa co fin de dar cumprimento á carta europea das linguas rexionais e minoritarias.
Nesta liña, lembra a deputada do BNG que o Consello de Europa demanda “con urxencia" que se eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación e unha vez máis, é “moi crítico” coa política lingüística da Xunta.
A nacionalista explica que o organismo europeo recrimina ao goberno galego que a presenza do galego é insuficiente no ensino, nomeadamente a nivel preescolar, e volve advertir de no ensino secundario non se impartan as grandes materias científicas nesa lingua en vías de normalización. A deputada sinala que a actual normativa non permite impartir máis do 50% das materias en galego no ensino non universitario e impide que os e as estudantes opten por unha educación integramente en galego.
Ao fío da recente proposta do Ministerio de Educación sobre a obrigatoriedade de garantiren ao alunado o dereito a recibiren ensino en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, “o goberno do Partido Popular volve instalarse na mentira e na negación do galego como lingua vehicular en igualdade de condicións” polo que a deputada do BNG buscará un acordo no Parlamento galego para apoiar á lingua galega como lingua vehicular do ensino e como lingua propia e oficial regulada polo artigo 5 do Estatuto de Autonomía e co fin de “rexeitar os renovados discursos de odio empregados pola ultradereita”.
Asemade, o BNG insta ao goberno galego a impulsar unha nova normativa educativa para garantir unha adecuada adquisición da competencia lingüística en galego desde o ensino obrigatorio.