Medio Rural dá a razón ao bng sobre o problema do porco bravo e recoñece que sigue estudando alternativas

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Xosé Luís Rivas pide un estudo do censo actual da poboación da especie, “por comarcas” e reclama medidas contra os danos do xabaril

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), preguntou hoxe ao goberno polas  medidas previstas  contra os danos  en  explotacións agrarias, propiedades e estradas ocasionados   polos ataques do  porco bravo en Galiza.

Na súa intervención, cualificou de “insuficientes” as axudas e  acusou a Medio Rural de non responder ás chamadas das persoas afectadas por ataques desta especie. O campo parece que “non pinta nada” para a consellería, apostilou.

MEDIO RURAL RECOÑECE QUE AS AXUDAS NON TIVERON DIFUSIÓN

Pola súa parte, a directora de Medio Rural, Ana María Díaz coincidiu co nacionalista no grave problema que representa o porco bravo en Galiza e confirmou que a Xunta segue estudando posibles alternativas. Díaz afirmou que non existen moitos expertos para elaborar estudos ao que o parlamentario  replicou que a información coa que conta o BNG é o resultado dos traballos de persoas expertas  o que levou a directora xeral a solicitar a colaboración dos expertos cos que conta o BNG para abordar novas medidas. Díaz tamén recoñeceu que a orde de axudas do 2016, “non foi suficientemente difundida”.

O deputado do BNG insistiu en que “o abandono do rural” incrementa o problema porque, ao seu entender,  o porco bravo ante a ausencia humana “vive as súas anchas”. Por outra parte, a abundancia de comida e refuxio tamén incide ao igual que a grande procreación das femias. Os agricultores e gandeiros reclaman batidas pero a solución non pasa só pola “escopeta e o lazo” aínda que as batidas sexan necesarias, sen embargo, dixo,  mentres non exista un censo da poboación desta especie e estudos do seu comportamento non contaremos coas alternativas necesarias.

O deputado lembrou que as queixas das persoas afectadas polos ataques do porco bravo na súa maioría, refírense   ao desleixo de Medio Rural, porque “chamas e non veñen” e non  “collen o teléfono”, afirmou Rivas.

 En canto ao grupo de traballo da consellería e  falta de expertos á que se referiu a directora de Medio Rural, o deputado replicou   que no BNG, o asesoramento provén de expertos e  especialistas que  reclaman “estudos por comarcas”. Estes estudos, recalcou,  ofrecerían as pautas necesarias cara os vindeiros anos.  O  porco bravo, explicou,  é un fenómeno novidoso e a súa  explosión demográfica   non ten máis de 15 anos. “As batidas non son a única solución e  inciden  negativamente na fauna”. Hai que buscar outras alternativas.

O parlamentario do BNG insistiu  na necesidade de  recuperar as liñas de axudas para reparar os danos nos cultivos e propiedades así como nas estradas e cualificou de “incomprensible” que a Xunta deixara de pagar as axudas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG