Medidas do Goberno do Estado sobre o tax-lease: "Optimismo, o xusto"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que “o BNG amósase escéptico” ante a proposta do Goberno central sobre o tax-lease. “Hai que esperar e ver. De entrada, optimismo, o xusto”.

En todo caso, subliñou que “se o Goberno está empezando a actuar, é movido pola presión social e tamén pola presión política do BNG”. Neste sentido, considerou “curioso” que o anuncio do Goberno “se produza xusto despois da entrevista da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, co eurocomisario Joaquín Almunia”.

Ademais, Guillerme anunciou que “o BNG fiscalizará que as modificacións legais que o Goberno anunciou que fará vía decreto se materialicen na práctica”.

“O PP incumpre as súas promesas eleitorais co naval da ría de Ferrol”

E se o problema do tax-lease afecta especialmente aos estaleiros da Ría de Vigo, sobre as propostas do Goberno para o naval da ría de Ferrol, o portavoz nacional do BNG denunciou que “o PP incumpre os seus compromisos eleitorais: nin carga de traballo nin dique flotante”.

Así, denunciou que “agora dise que hai que elixir, que unha cousa ou outra, e que a construción do dique flotante ten que pasar antes por unha comisión de estudos que decida se é viábel ou non”.

Ademais, Guillerme denunciou que “o PP xa nin fala do levantamento do veto sobre construción civil en Ferrol, unha promesa que tamén levaban no seu programa eleitoral”.

Neste sentido, o portavoz nacional concluíu que “se confirma o que ven sostendo o BNG, que non estamos ante un problema de falta de competitividade do naval galego, senón de falta de compromiso político do goberno do Estado e do Goberno galego”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG