O BNG propón iniciar 2015 substituíndo o discurso placebo e mentirán da recuperación que o PP repite como ladaíña publicitaria por un paquete de medidas de choque no económico e social, nas que debería implicarse de cheo o Executivo da Xunta.
Desde que en 2009 a ministra Salgado e Zapatero acuñaron aquelo dos brotes verdes non pasou un só ano no que desde o Goberno non se anunciara que o ano vindeiro é o da recuperación, da saída definitiva da crise, e así levamos seis de discurso placebo e mentirán, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence. Como na canción da Roda sempre andas dicindo para o ano que ven, chega o ano e pasa tamén, é a mesma historia, ironizou.
Aceptar unha recuperación inexistente en Galiza, aínda que noutras partes do Estado hai unha morna melloría conxuntural sen base sólida, é moi grave porque permite continuar con políticas fracasadas, alega Vence, quen explicitou as medidas que o BNG pon enriba da mesa.
En primeiro lugar, un plan de choque para frear o declive económico que ten como consecuencias a emigración e a caída demográfica cun progresivo envellecemento da poboación, un círculo vicioso que se retroalimenta. Para rompelo, o Bloque propón á Xunta elaborar un plan económico cos seguintes obxectivos.
Recuperar a actividade produtiva na industria, e Vence cita como exemplo o sector naval de Ferrolterra tras o levantamento do veto á construción civil, un novo escenario que debe traducirse en carga de traballo.
Apoio á industria alimentaria nas fases de produción, transformación e comercialización, con medidas que garantan contratos estables, prezos do leite similares aos europeos, evitar sancións por sobreprodución e prever o escenario post sistema de cotas.
O Bloque tamén propón ao Goberno de Feijóo empezar a negociar de inmediato unha tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar o prezo da enerxía ata un 35%, como xa ten Euskadi, para as industrias e familias, dada a condición de produtores excedentarios de enerxía. O respiro de Aloca non elimina a incerteza que o actual sistema eléctrico provoca no sector industrial galego.
Negociar coa banca
Igualmente, mudar a estratexia coa banca rescatada con 180.000 millóns de euros (18% PIB). O Bloque propón unha negociación política coa banca para obrigala a que conceda financiamento a familias e empresas, porque vai sendo hora que cumpra coa sociedade para haxa acceso ao crédito a custe razoable.
Por último, propón un conxunto de medidas para atender a situación de emerxencia social motivada pola pobreza e o paro, que se concreta nun plan de emprego en servizos públicos básicos como sanidade, educación e I+D+i, que free a emigración e reteña talento no país, e garantir uns ingresos mínimos as persoas paradas que non teñen ningún tipo de prestación.
Son propostas concretas que deberían ser desenvolvidas con urxencia pola Xunta para impedir que o 2015 sexa outra vez outro ano perdido, onde se intente calmar á cidadanía con imaxinarios discursos de recuperación, subliñou Vence, quen confía en que os procesos electorais pendentes neste ano, -municipais e xerais-, sirvan de punto de inflexión para pasar páxina nas políticas de recorte de servizos e dereitos do PP.