“Esta universidade non se crea polo interese xeral, créase para favorecer os intereses privados de Abanca e do señor Escotet”. Con esta rotundidade rexeitou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, o ditame sobre o proxecto de lei de recoñecemento da primeira universidade privada en Galiza que o PP aproba en solitario no pleno do Parlamento galego, e que, segundo subliñou, supón de facto “unha alfombra vermella para a universidade privada que non precisa este país, mentres se seguen a poñer paus nas rodas á universidade pública, que é o que si necesitamos, unha universidade pública forte e ben financiada”.
Lourenzo recriminou ao PP unha “tramitación vergoñenta” na que Abanca “pasou por riba mesmo dos reitores da universidade pública” que, ao igual que o resto da comunidade educativa pública están “en contra deste proxecto de lei”. “O debate deste proxecto é un debate ideolóxico que coma todos os debates ideolóxicos pretenden vestir pola dereita cun traxe técnico”, reprobou, para engadir a continuación que “aquí non houbo nin debate técnico nin procedemental”, senón, segundo recalcou, “a visibilización de dúas posturas contrapostas: vostedes, señores do PP, defendendo a universidade privada e o BNG defendendo a universidade pública”.
Nesta liña afeou á bancada do grupo parlamentario popular que apelara á “liberdade de empresa ou á liberdade de elección” cando esa liberdade de elección pasa polo “módico prezo de 50.000 euros por un título de grao”. “Iso que vostedes chaman liberdade é unha universidade clasista, elitista e segregadora”, reprochou, logo de afear ao PP que se amparase en modelos como o da Universidade Europea de Madrid, “que hai tres meses, en plena pandemia, declarou un ERE a 280 profesores e deixou na estacada a 26.000 alumnos e alumnas”.
O deputado nacionalista advertiu de que foi o propio sistema universitario galego, en todos os informes das tres universidades públicas, o que puxo de manifesto as irregularidades na tramitación deste proxecto de lei, cunha secretaría xeral de Universidades “convertida en axencia de publicidade da Xunta e actuando cal correa de transmisión dos intereses da Fundación Abanca”.
Logo de explicar a “enxeñería xurídica” empregada polo PP para salvar unha tramitación que cualificou de “fraudulenta”, Lourenzo recalcou que “este chiringuito” duplica titulacións xa existentes no Sistema Universitario Galego (SUG) e propón matrículas de 11.500 euros anuais de media por título. “Unha empresa que xa non é galega porque o PP lla regalou ao señor Escotet e á que agora lle regalan tamén a universidade galega para seguir forrándose a costa de prezos de matrícula desorbitados”, sentenciou.
O que vetou o PP: destinar o 25% a investigación e o 35% a bolsas
O portavoz de Educación tamén puxo branco sobre negro á negativa do grupo popular ante as distintas emendas presentadas polo BNG e, entre as que se atopan a proposta de que a universidade privada destine o 25% dos seus ingresos á investigación e o 35% a bolsas; someta a avaliación a súa calidade formativa; desenvolva un plan de igualdade por áreas e colectivos, así como un plan de atención ás persoas con discapacidade; articule un plan de promoción da lingua galega e regule o acceso do alumnado con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade, garantindo en todo caso que non exista discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, orientación sexual, relixión, circunstancias económicas, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal e social. “A ver se ademais de clasista e elitista, pretenden que sexa unha universidade de ideoloxía rancia e reaccionaria e intolerante”,
“A estas emendas tan sumamente revolucionarias que piden máis bolsas, máis investimento en investigación, máis controla da calidade ou máis respecto pola igualdade, pola lingua e pola diversidade sexual son ás que votou en contra o PP”, repasou para concluír que “fano porque é no que cren e, por iso, vostedes están coa banca, co señor Escotet e coa universidade privada e nós estamos onde estamos, coa cohesión social e coa universidade pública”.