A candidata do BNG ao congreso, Maite Ferreiro, manifestou na cidade de Lugo “a necesidade de poñer en marcha políticas de emprego para que a mocidade non teña que emigrar”. Maite Ferreiro lembrou “no BNG temos p propostas concretas para que novas empresas se poidan asentar e se manteñan as existentes” e puxo como exemplo “é preciso contar cunha tarifa eléctrica galega, necesitamos proxectos como o do banco de terras para reactivar o rural, e apostar por industrias transformadoras das producións primarias do país”.
“No estado español non acaban de entender cal é problema do interior galego, precisamos voz en Madrid para frear a sangría demográfica” asegurou Ferreiro en declaracións feitas diante da oficina de emprego da rúa Campos Novos de Lugo, onde estivo acompañada da Parlamentaria Olalla Rodil, do candidato á alcaldía, Rubén Arroxo, e integrantes das candidaturas do BNG. Maite Ferreiro afirmou “hai que repensar o funcionamento dos servizos públicos de emprego por que non están a dar solucións reais e sinalou “para moitas persoas que están en situación de desemprego non é útil este servizo tal e como está pensado na actualidade, tampouco para algunhas empresas que buscan persoas para traballar”.
ATAQUES Á CANDIDATA DO BNG DE PONTEVEDRA
Maite Ferreiro, dende Lugo, condenou as ameazas sufridas pola candidata do BNG de Pontevedra, Carme Dasilva. Por segunda vez, preto da súa vivenda, apareceron pintadas ameazantes co seu nome. Maite Ferreiro solidarizouse coa candidata de Pontevedra e afirmou “esa pintada é un ataque político ao BNG, e quen a fixo sabe que estamos en condicións de pelexar o escano á extrema dereita e manifestan a súa raiba deste xeito ante a posibilidade de que o BNG acade representación en Madrid”