“Resulta totalmente anacrónico que existan negocios que non tributen, que fan competencia desleal a outros similares que están obrigados a pagar impostos e esto é debido a un concordato asinado no ano 1979 entre o Estado Español e o Estado Vaticano” dixo Maite Ferreiro. A candidata do BNG anunciou que o BNG levará ao congreso, a partir do 28 de abril, iniciativas para que se eliminen as discriminacións e os favoritismos por razón de ideoloxía relixiosa. Ferreiro lembrou que “recentemente o Papa recoñeceu nunha televisión española que a Igrexa debía pagar os seus impostos”.
Maite Ferreiro sinalou que “para o BNG resulta especialmente sangrante o caso do negocio de aparcadoiro que a igrexa está a explotar na cidade de Lugo e que non está a tributar igual que o fan o resto de empresas implantadas no concello”. No caso do aparcadoiro do seminario de Lugo a igrexa católica acóllese a esta lei de mecenazgo para evitar pagarlle ao concello de Lugo o IBI polo negocio de aparcadoiro. “Unha cousa son os lugares de cultura, que tamen son patrimonio, e outra os negocios” dixo Maite Ferreiro.
Para o BNG resulta especialmente grave que a igrexa se ampare na lei de mecenazgo para evitar o pagamento de impostos polos negocios empresariais que posúe e que están en competencia directa con outras iniciativas empresariais que teñen a obriga de tributar. No caso do resto dos inmobles é un acordo establecido entre o estado español e o estado vaticano, no ano 1979, o que exime de pagamento aos edificios adicados ao culto, residencia do clero, semanrios, etc... “Esta é unha decisión que se toma dende as cortes do estado e por iso o BNG e Galiza teñen que ter voz en Madrid” dixo Maite Ferreiro.