Máis detencións na operación Pokémon: a cidade de Santiago sen goberno e Feijóo escaqueándose

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha primeira valoración logo de que transcendesen novos datos de rexistros, detencións e imputacións no marco da operación Pokemon.

“Estamos nunha situación insostíbel, sen precedentes na historia deste Concello e perante uns feitos gravísimos”, sinalou en comparecencia de prensa no pazo de Raxoi, “por iso temos convocada unha reunión urxente da dirección do BNG para esta tarde co obxectivo de analizar os novos datos e as novas detencións para determinar que accións emprenderemos”.

“É evidente que hoxe non hai Goberno en Santiago”, afirmou, “se antes falabamos de desgoberno, agora non hai Goberno local porque nin a primeira, nin a segunda, nin a terceira preocupación do grupo municipal do PP son os problemas dos veciños e veciñas desta cidade”.

“Mentres non se resolva isto, hai un clima que fai imposíbel realizar o traballo para o que a cidadanía encomendou a estas persoas do PP dirixir o Goberno desta cidade”, engadiu o portavoz municipal nacionalista.

Ademais, sinalou que a dirección do PP non pode seguir “como se en Santiago non pasase nada, porque é evidente que cada día que siga sen tomar cartas no asunto van ser máis cómplices do que pasou neste Concello, do que siga a pasar e do que se poida coñecer no futuro”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG