Máis de 5.000 participantes nas asembleas abertas que o BNG propón como canle coa sociedade

VENCE ROLDAPRENSA VALORACION ASAMBLEAS2127 asembleas abertas celebradas por todo o país con máis de 5.000 participantes, -o 60% non militantes-, permiten ao BNG facer unha valoración dun proceso que continúa e que puxo en marcha en setembro baixo o lema de Construíndo futuro.

“Unha experiencia moi valiosa que reflicte dúas cuestións: que hai moita xente con inquedanza sobre o que está pasando no país e que hai moita xente que ve no BNG o instrumento útil para canalizar esas inquedanzas no plano político”, resumía o portavoz nacional, Xavier Vence.

A acollida desta iniciativa leva ao BNG a converter as asembleas abertas nunha “canle permanente de diálogo coa cidadanía” para escoitar as súas propostas e críticas, “incorporando tanto ideas como persoas” para ampliar a base nacionalista e conformar unha alternativa de goberno ao PP. O proceso que naceu coa vista posta nas municipais, quere transcender ese marco electoral.

“Máis aló das eleccións municipais queremos que serva para reforzar un proxecto político en clave nacional e de esquerda e de transformación social para darlle futuro ao país”, explicou Vence, quen salientou que as asembleas abertas permiten compartir o proxecto do BNG “coa base social que quere ter forzas políticas propias e unha alternativa diferente para este país, para as municipais e a máis longo prazo”.

As asembleas abertas terán continuidade como “ferramenta dese diálogo permanente coa base social nacionalista e de esquerdas, para canalizar as súas propostas que nos permita fortalecer o proxecto nacionalista”, recalcou Vence, quen avanzou un segundo paso coa creación de grupos de traballo para elaborar o programa electoral das municipais cos participantes nesas asembleas.

ASEMBLEAS ABERTAS WEBSentir maioritario

Vence resaltou a variedade de cuestións abordadas nas asembleas, “incluídas críticas ao traballo do BNG”, e destacou o “sentir maioritario” transmitido pol@s participantes de que Galiza “necesita un proxecto político de país con forzas políticas propias, tanto para concorrer ás eleccións municipais como de cara ao futuro”. “Non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local”, recalcou, “o sentir da inmensa maioría é que se precisa un proxecto de país”.

Esforzo de integración versus fragmentación

O dirixente nacionalista tamén explicou que outro asunto recorrente foi a preocupación por unha “excesiva fragmentación” do voto nacionalista e de esquerdas que beneficiaría ao PP.

“Hai esa preocupación e compartímola todos. Este proceso forma parte do esforzo do Bloque por integrar, por sumar propostas e persoas para conformar unha alternativa forte, capaz de ilusionar á maioría social e ser referente ante a oferta centralista de PP e PSOE e ante as políticas da dereita que arrasan co país”, salientou Vence.

Un obxectivo que non é posible nin desde a “dialéctica das cúpulas”, nin desde a “dialéctica da fragmentación ata o infinito dalgunhas organizacións políticas”, alegou o portavoz nacional, “por iso no BNG apostamos pola dirección contraria: construír organización, sumar vontades desde un proxecto político nacionalista plural desde a esquerda para erguer unha alternativa ao PP”.

Nas asembleas abertas quedou constatada que “hai unha cidadanía rebelde” que aposta por un “proxecto nacional” que inclúa a rexeneración real das institucións, que loite contra a corrupción, que poña os concellos ao servizo da cidadanía e que teñan proxecto de creación de riqueza nos seus concellos e solidarios cos máis maltratados pola crise, concluíu.

O Bloque analizará o resultado do proceso Construíndo futuro no Consello nacional previsto para o día 18 de outubro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG