O Consello Nacional do BNG, máximo órgano de dirección entre Asembleas, quedou hoxe constituído con 105 integrantes, 50 elixidos pola Asemblea Nacional, entre eles os 20 da Executiva Nacional que lidera a portavoz, Ana Pontón, e 55 en representación das comarcas nas que o Bloque se organiza por todo o País.
A líder nacionalista emprazou á nova dirección a dar o mellor de si e traballar con “intelixencia, coraxe e humildade” para ensanchar a base social do BNG e disputarlle a hexemonía ao PP, co obxectivo de liderar o Goberno de Galiza en 2024 e abrir un tempo novo de futuro e esperanza para os galegos e as galegas.
“Para conseguilo, temos hoxe un proxecto colectivo forte, cohesionado e rigoroso e temos unha folla de ruta para poñer en marcha unha Galiza en grande, capaz de aproveitar todo o potencial do País para xerar riqueza, emprego, benestar e oportunidades aquí”, afirmou, para subliñar a continuación que non hai maior compromiso cxs galegxs “que facernos cargo dos seus problemas e darlles solucións realistas, viábeis e solventes”. “O BNG está en forma e imos a por todas para abrir un tempo novo de futuro encabezando o Goberno do País; nin podemos nin imos fallar”, recalcou.
Nesta liña, Pontón comprometeu alternativas e solucións “aos problemas que impactan de cheo na xente moza, nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas, na pequenas e medianas empresas” e sinalou un camiño de tres anos no que, escoitando á sociedade galega e estando “ao lado da xente”, o BNG siga fortalecendo a súa base social, avanzando nas eleccións municipais con proxectos para as vilas e as cidades que cheguen á maioría social, aumentando a representación nas Cortes do Estado e no Parlamento europeo como garantía de defensa dos intereses de Galiza e sentando “unhas bases sólidas, traballando man a man coa sociedade, para lograr o obxectivo de presidir a Xunta en 2024”.
Logo de poñer en valor a unha “militancia exemplar” e amosar o seu orgullo por que non só en Galiza, senón no Estado, non hai unha organización tan democrática como o Bloque, a portavoz nacional asegurou que “imos mellor do que nós mesmas pensamos” dado que, ao seu xuízo, “cada día que pasa vexo a Feixóo e ao PP máis nerviosos co BNG, a punto de ter un ataque de nervios”.
“Non teño claro se lle preocupan máis as enquisas que, por certo, unha tras outra, o que nos están dicindo é que o BNG avanza; se o que lles preocupa é ver a nosa fortaleza entre a mocidade ou como avanzamos en todo o país, singularmente no voto urbano”, cuestionou, para concluír a continuación que “o que está claro é que o PP e Feixóo están ao borde dun ataque de nervios porque teñen enfronte a un BNG ambicioso, incómodo, que fai a oposición que lle molesta, con propostas e alternativas concretas para sacar adiante o País e que non cae na trampa de moverse na caricatura que a eles lles interesa”. En todo caso, a líder nacionalista convidou ao PP a que siga nesa liña de ataque contra o Bloque “porque cada vez que eles perden os papeis, nós subimos un pouco máis” e engadiu que “non imos caer nin nas súas trampas, nin na política do regate curto”.
A contundencia dos datos: Galiza faise máis pequena co PP de Feixóo
Neste sentido, reafirmou o compromiso nacionalista de seguir centradxs na defensa do País e pensar “Galiza ao grande, fronte a Galiza en pequeno “que nos está deixando o desgoberno do PP”, algo que reafirmou coa evidencia dos “datos contundentes” que demostran que “Galiza faise máis pequena co PP de Feixóo”. Así, recordou os 14.700 empregos destruídos na industria, cun índice de produción industrial inferior ao de fai 12 anos; a caída do investimento en I+D+I, situado no 0,97%, inferior ao que había en 2008 e moi por debaixo á media europea, que está no 2,2%.
A isto engadiu, que durante o Goberno do PP pecháronse a metade das explotacións lácteas e perdéronse 17.400 empregos nos sectores produtivos, nun contexto no que pechou 1 de cada 10 centros de ensino público, cunha sanidade contra as cordas, co persoal exhausto e listas de espera que chegan ata 3 semanas para poder acudir ao médico ou médica de cabeceira, e coa lingua galega tamén segue en retroceso, sendo a única que perde falantes de todo o Estado. “Tamén aumentan os galegos e galegas en risco de pobreza, que xa son máis de 600.000”, subliñou, para advertir tamén da crise demográfica, dado que, dende que Feixóo chegou á Xunta, perdemos 218.000 persoas entre 16 e 34 anos. “Unha auténtica desfeita demográfica para o País”, sentenciou.
A pesar deste balance “de desgoberno, deconstrución e demolición do País”, Pontón amosou o optimismo do BNG con Galiza “porque sabemos que é un gran País, con potencial, con riqueza e, sobre todo, con xente honesta, talentosa e traballadora”. Por iso, reafirmou que “estamos centrados en poñer en marcha unha Galiza en grande e imos seguir poñendo enriba da mesa propostas e medidas concretas, viables e solventes, para mellorar a vida das persoas, aquí e agora, trasladando unha proposta que beneficia á maioría social do noso País”.
A líder nacionalista quixo rematar a súa intervención facendo un recoñecemento a todas as persoas que hoxe volveron expresar “ese rexeitamento rotundo ao boom eólico depredador que representa o señor Feixóo”. “Hoxe é unha xornada cargada de dignidade, de defensa de Galiza e de dicir alto e claro que imos pararlle os pés a un PP que goberna pensando no lobby eléctrico e en contra dos intereses de Galiza”.