Galegas 2020

Luís Bará propón en Cambados un Plan Galego de Reindustrialización para facer fronte ao declive industrial do país

Visita Galventus
Visita Galventus

O candidato do BNG aposta por potenciar a innovación e o desenvolvemento e pola formación e especialización en sectores estratéxicos “tras o cambio galego na Xunta despois do 12X”

O nacionalista visitou a empresa Galventus acompañado de Montse Prado e Xosé Leirós, Víctor Caamaño e Manolo Domínguez

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, propuxo hoxe en Cambados a posta en marcha dun Plan Galego de Reindustrialización para facer fronte ao declive industrial vivido no país nos últimos once anos. O nacionalista expuxo esta proposta na visita á empresa Galventus, unha firma galega especializada no sector eólico, innovadora e que aposta pola creación de emprego en Galiza.

Bará estivo en Cambados acompañado da tamén candidata Montse Prado e Xosé Leirós, así como do voceiro municipal Víctor Caamaño, e do responsable comarcal Manolo Domínguez. Alí reuniuse co director técnico da empresa, Xosé Lois Pazos, e con persoal, quen explicou a aposta pola formación continua e polo investimento en investigación para aumentar a competitividade nun sector que, segundo dixeron, está en crecemento pero no que hai falta de man de obra cualificada.

Na visita Bará expuxo as liñas de actuación que o BNG pretende poñer en marcha logo de acadar o cambio político na Xunta de Galiza despois do 12X, que pasan por unha aposta firme polas capacidades do país. O candidato subliñou que é preciso un Plan galego de reindustrialización que se asenta en varios piares. O primeiro deles, destacou, é o fomento de sectores que teñen grande capacidade de crecemento como o sector da enerxía, especialmente eólica, naval, automoción, aeronáutica, pero tamén a agroindustria e o complexo mar industria. Indicou tamén a necesaria mellora de dotación de solo industrial a prezos competitivos e combater a deslocalización.

Fixo referencia a dous elementos fundamentais que potenciar, como a innovación e o desenvolvemento para a modernización do sector industrial, adaptando as estruturas produtivas para ter máis competitividade, e tamén a obriga de apostar pola formación e a especialización. “Unha das claves para ser máis competitivos é ter persoal cualificado en sectores estratéxicos onde a competitividade vén dada pola especialización”, incidiu Bará, para engadir que Galventus “é unha empresa que reflexa moi ben esa alianza necesaria entre industria e innovación que é clave para o impulso futuro do noso país, crear emprego de calidade e con dereitos e para potenciar o desenvolvemento e competitividade”.

O cabeza de lista do BNG para o 12X destacou que todas estas ideas son necesarias para facer fronte ao proceso de desindustrialización consecuencia das políticas da Xunta e do Partido Popular nos últimos 11 anos, das que dixo “están convertendo a Galiza nun auténtico deserto industrial con perda de postos de traballo, máis de 8000 nos úlitmos 11 anos, e tamén co peche de empresas importantísimas como o da industria electrointensiva”. Fixo referencia a que nestes momentos estase a vivir a crise de Alcoa e tamén do sector naval e na automoción coa deslocalización a Portugal de máis de 300 empresas nos últimos 10 anos, así como coa perda de peso relativo do sector industrial no conxunto da economía galega na que representa o 16% cando a economía europea recomenda que o peso sexa do 20%.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG