- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra defendeu hoxe a necesidade de crear un Grupo Lácteo Galego na súa visita a COBIDEZA
- Recoñeceu o traballo realizado polas cooperativas para fortalecer o posicionamento do leite galego nun mercado moi complexo
O cabeza de lista do BNG ás eleccións galegas pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Lalín, na súa visita á Cooperativa da Bisbarra do Deza (Cobideza), que “é necesaria unha aposta estratéxica de país para potenciar o sector do leite, que sexa competittivo e dea garantías de desenvolvemento e futuro ao noso medio rural”. En concreto, Bará defendeu a creación dun Grupo Lácteo Galego e apostar pola innovación e a industria de transformación.
Bará sinalou que a visita a Cobideza tiña como obxectivo visualizar a importancia que ten no sector agrario e gandeiro a unidade e o traballo colectivo en fórmulas que son propias do rural galego como é o cooperativismo. “Cobideza leva 20 anos traballando para compartir esforzos, compartir servizos e mellorar a súa formación para poder competir nun mercado complexo, que está a pasar por unha situación de dificultade. Para ter máis éxito é imprescindible a cooperación e o traballo en común, por iso dende o BNG queremos expresar a nosa aposta por defender este sector e estas fórmulas de cooperativismo e economía social, e colaborar no fortalecemento dun sector lácteo que ten que ser competitivo”, subliñou.
O candidato lembrou que é fundamental que o Goberno galego aposte claramente e con valentía por iniciativas propias e punteiras que avoguen pola modernización e a innovación, así como por crear un Grupo Lácteo Galego. “É preciso ter unha visión estratéxica e defender un mercado propio no que se defendan uns principios de sustentabilidade –en relación ao prezo do leite-”, subliñou, para lembrar que o BNG aposta por aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria láctea, concentrando o apoio aos proxectos que permitan desenvolver liñas novas e produtos de alto valor engadido.
“Se este sector está a aguantar cunhas condicións tan adversas, se conseguimos fortalecelo teremos posibilidades de futuro. Os gandeiros que aguantaron poden chegar a respirar se hai unha política que aposte polo sector, porque das grandes crises poden xurdir grandes oportunidades, por iso é fundamental reforzar a imaxe de país e chegar a un sistema que protexa aos produtores”, sinalou Bará. “Pódense facer produtos empresariais que medren e que teñan expansión, que cheguen aos mercados, que diversifiquen a súa produción... Galiza ten que ter ambición, produtos innovadores, ten que ter proxectos de calidade en todos os sectores, e no sector primario e do leite tamén. Así poderemos chegar moi lonxe”, finalizou.
Cobideza é unha cooperativa de servizos que agrupa a máis de 200 produtores dos concellos de Vila de Cruces, A Golada, Silleda e Lalín, dos que 155 son produtores de leite. Teñen contrato de comercialización con Ilas (Reny Picot) e Lactalis, ademais de participar en Acolat (Clesa), xunto con Feiraco, Irmandiños ou Melisanto. O seu obxectivo é proveer de servizos moi diversos aos cooperativistas, proveéndoos de maquinaria, forraxes, veterinarios, de financiamento ou agronómicos. Os cooperativistas dispoñen nestes momentos dunha industria de transformación: unha queixería que está a traballar por especializarse en produción ecolóxica dentro das denominacións de Arzúa-Ulloa e Tetilla.