Galegas 2020

Luís Bará: “Este é un momento crucial no que hai que blindar a escola pública galega de calidade para o século XXI”

Encontro ensino
Encontro ensino

O cabeza de lista do BNG defendeu un sistema gratuíto dos cero aos 18 anos e o incremento do investimento público ata chegar ao 7%

Avogou pola redución de ratios de alumnado e a restitución do galego como lingua vehicular en materias científicas e tecnolóxicas

“Estamos nun momento crucial e histórico no que hai que blindar dende a Xunta a escola pública galega de calidade para o século XXI”. Así o manifestou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, nun encontro con profesorado e Anpas do Morrazo no que analizou o momento que vive o ensino público en Galiza e presentou a batería de medidas do BNG para reverter as políticas do Partido Popular.

Bará destacou que o futuro goberno da Xunta, da man do BNG, enfrontarase, freará e reverterá os recortes e privatizacións do Partido Popular que ao longo dos últimos anos estiveron “poñendo contra as cordas” ao ensino público con menos recursos económicos mentres se blindaban os contratos dos colexios concertados con 1.550 millóns de euros ata o 2023. Segundo dixo o nacionalista as eleccións chegan nun momento chave para fomentar un ensino de calidade como garantía de equidade, motor de desenvolvemento, ferramenta de galeguización e como elemento fundamental de propulsión do país cara o futuro. “É fundamental impulsar un cambio no modelo de ensino e de aprendizaxe acorde cos avances tecnolóxicos e sociais e coa realidade actual e as necesidades do país”, subliñou.

O BNG, dixo o candidato, propón unha serie de medidas de goberno que defenden un sistema público de educación como servizo público e gratuíto dos cero aos 18 anos, coa integración da Educación Infantil de cero a seis anos no ámbito da educación -e non dos servizos sociais como está agora-.

O programa nacionalista en materia de ensino recolle tamén o incremento do investimento público na educación co obxectivo de chegar progresivamente ao 7%; a creación dunha Lei Galega de Educación inserida na realidade social, económica, cultural e histórica e lingüística de Galiza; a eliminación progresiva dos concertos educativos comezando por centros que segregan por sexo; ou a recuperación dos dereitos do profesorado, comezando polo horario, con 18 horas semanais en Secundaria e 21 en Infantil e Primaria.

Por outra banda, Bará puxo sobre a mesa a urxencia da redución de ratios, de maneira que se reduza o alumnado por aula por seres unha grande dificultade para o proceso de aprendizaxe; a restitución da gratuidade dos libros de texto; a posta en marcha de programas que garantan a igualdade de oportunidades e a equidade e sobre todo a atención á diversidade; e, por último, a derrogación do decreto 79/2010 que exclúe o galego como lingua vehicular de materias científicas e tecnolóxicas e a promoción da aprendizaxe da lingua portuguesa no sistema público galego de Educación Secundaria.

Finalmente, Bará propuxo un bloque de medidas no ámbito da Formación Profesional cunha Lei Galega de Formación Profesional orientada á inserción laboral, á innovación e ao desenvolvemento sustentable; a creación do Centro Galego de Innovación de Formación Profesional integrado e aliñado coa Axencia Galega de Innovación, “que debe ser unha das grandes apostas de futuro do país”; a actualización da oferta formativa adaptada ao plan estratéxico e prioridades dos sectores económicos e necesidades do tecido produtivo; e a incorporación nos currículos de contidos e materias relacionadas coa innovación, o ámbito ambiental, a creatividade e tamén a perspectiva de xénero.

No debate xurdido no encontro do Morrazo saíron á palestra temas como a perda de dereitos e salario do profesorado, o incremento da ratio de alumnado por aula sobre todo nas zonas urbanas e periurbanas, a desatención da diversidade e cara ao alumnado de educación especial, a eliminación da gratuidade dos libros de texto ou a privatización da xestión dos comedores escolares.

Bará destacou, así mesmo, que “por se todas as cuestións anteriores non fosen suficientes, tamén houbo un ataque á nosa lingua por medio de cambios legais que prohíben e discriminan o galego no ámbito das matemáticas a física, a química ou a tecnoloxía”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG