- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra louvou o traballo feito polas comunidades de montes da comarca de Vigo por ser “pioneiras e innovadoras” nos seus modelos de aproveitamento
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do vindeiro 25S, Luís Bará, asegurou hoxe en Gondomar nun encontro con representantes de comunidades de montes que é preciso ter unha visión multifuncional do monte galego e investir na ordenación e na boa xestión. O nacionalista puxo como exemplo a seguir as actuacións das comunidades de montes da zona de Vigo, Baixo Miño e Val Miñor, que definiu como “pioneiras e innovadoras” polo modelo de aproveitamentos que levan adiante.
“A principal cuestión é que hai que mudar a tendencia actual, apostar polo investimento na ordenación e boa xestión do monte, cunha visión de medio a longo prazo e de futuro e reducir o gasto, que é enorme, nas consecuencias da mala xestión, que son principalmente o abandono e os incendios. Temos que conseguir cambiar a visión do monte e as prioridades de maneira que os esforzos se fagan no importante, que é a ordenación e a xestión do monte, e non no urxente, que é sempre a lacra dos lumes, que son causa de non investir en ordenación e xestión”, asegurou o candidato.
Bará destacou que Galiza ten un grande potencial e subliñou o BNG defende unha visión multifuncional do monte, xuntando o aproveitameto forestal coas funcións sociais e ambientais. Así, asegurou que é posible compatibilizar os usos produtivos directos con aproveitamentos complementarios de froitos ou cogomelos, como fan as comunidades da zona de Vigo, con usos recreativos, de difusión de valores ambientais ou de goce da paisaxe. En canto á produción de madeira, Bará lembrou que o BNG defende a diversificación e a aposta por plantacións de frondosas e por madeiras de calidade, cun incremento dos procedementos de certificación forestais e apoios ás liñas de silvicultura.
Finalmente, o candidato destacou a necesidade de desenvolver un novo modelo de prevención e defensa contra incendios forestais centrado en retomar as políticas preventivas relacionadas con infraestruturas de protección e de ordenación do espazo forestal, na colaboración coas comunidades de montes, na elaboración dun plan xeral de rozas e xestión e en retomar a profesionalización do dispositivo de extinción, entre outras cuestións.
No encontro, ademais de diferentes representantes das comunidades de montes da contorna de Vigo, do Val Miñor e do Baixo Miño, tamén estiveron a candidata do BNG número tres por Pontevedra, Marta Dacosta; o ex director xeral de Montes Alberte Blanco; e o presidente da Organización Galega de Montes Xosé Alfredo Pereira.