O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, garantiu hoxe que un goberno do BNG na Xunta priorizará a cooperación Galiza-Norte de Portugal e o territorio transfronteirizo do Miño. Destacou que o Bloque continuará coas políticas de desenvolvemento iniciadas polo Agrupamento Europeo de Cooperaçon Territorial Rio Minho, dirixido por Uxío Benítez, para corrixir o devalo da eurorrexión e da zona miñota provocada polo PP “cun Rueda só interesado en saír nas fotos”.
O nacionalista así o asegurou nunha reunión de traballo con integrantes da candidatura do BNG para o vindeiro 18-F, representantes dos concellos de Tui, As Neves, O Rosal, Tomiño, Salceda, A Guarda e Salvaterra, ademais do ex director do AECT Rio Minho Uxío Benítez, e o profesor da UVigo Xavier Martínez Cobas para falar das propostas programáticas de goberno do Bloque para as relacións de Galiza con Portugal e para o territorio transfronteirizo.
Bará quixo amosar claramente o compromiso do futuro goberno do BNG coa zona transfronteiriza e coa cooperación entre Galiza e o Norte de Portugal, “que se foi desdebuxando e que perdeu forza porque estes anos na Xunta de Galiza non había ninguén ao mando nin unha aposta clara por este territorio”, subliñou. Asegurou que nos últimos anos Rueda só apareceu pola zona para figurar, sen ningún proxecto de futuro, e insistiu en que o tema das relacións transfronteirizas con Portugal “só o ten na cabeza o BNG, só cun goberno do Bloque en Santiago a zona de fronteira será un actor de primeira orde”.
O cabeza de cartel dixo que “o BNG si ten esa aposta clara; demostrouno coa presidencia e a vicepresidencia de Uxío Benítez á fronte do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Rio Minho dende a Deputación”, lembrou, defendendo á poboación e ás e ós traballadores transfronteirizos."Esta mesma aposta vaina ter o goberno do BNG presidido por Ana Pontón mediante un plan operativo de actuación conxunta para este territorio, para aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para un desenvolvemento integrado entre a parte galega e a parte portuguesa. É un compromiso claro que o BNG vai impulsar dende o goberno da Xunta”, insistiu.
Para Bará queda moito por facer. Destacou que é imprescindible desenvolver todas as posibilidades da cooperación territorial e poñer en valor a importancia económica do Eixo Atlántico, destacando que a eurorrexión está dentro das 40 con máis dinamismo en Europa. “Hai que desenvolver instrumentos para priorizar este territorio, facendo políticas intelixentes e poñendo en valor as sinerxías que permiten ser máis competitivos”, destacou Bará.
Sobre a mesa falouse da necesidade de poñer en marcha o Investimento Territorial Integrado, a tarxeta de cidadanía transfronteiriza, a mellora ambiental do río Miño, infraestruturas, conexións e melloras para a mobilidade (como o tren de proximidade), o desenvolvemento de solo empresarial e da economía, así como servizos sociosanitarios, a xestión patrimonial e cultural a través dunha planificación estratéxica conxunta.