O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, recoñeceu hoxe “o exemplo de mobilización do pobo galego” diante da situación de carencia de material de protección na crise da COVID-19. Así o fixo nunha visita en Ponteareas ao ‘Equipo batas, máscaras e gorros de SOGAPS’ que agrupou dende o inicio da pandemia a máis de 300 persoas voluntarias que confeccionaron máis de 200.000 máscaras, traxes e gorros para sanitarios de toda Galiza.
Bará, acompañado das tamén candidatas Montse Prado e Cristina Fernández, así como dos alcaldes de Ponteareas, As Neves e Mondariz, amosou estar “impresionados e admirados” ao coñecer a mobilización de primeira man. “Saíu o exército ás rúas, pero vós aquí montastes un auténtico exército de paz, de voluntariado, de xente desinteresada que fixo un traballo enorme. É a mellor representación que podemos ter dun país como o noso, que se volca para resolver unha necesidade que había, unha carencia que había no sistema sanitario e que cubristes vós. O noso recoñecemento, gratitude e emoción. E por suposto, nós daremos un impulso dende o goberno galego para o recoñecemento material deste labor”, sinalou o cabeza de lista ante as e os voluntarios.
O cabeza de cartel do BNG destacou que é importante amosar recoñecemento ao traballo voluntario e anónimo de milleiros de persoas, exemplificándoo no colectivo, encabezado por Maite Isla, presidenta da Sociedade Galega co pobo Saharauí, que dende os primeiros días organizou unha rede de confección de batas, gorros, e máscaras, con asesoramento técnico do hospital de Vigo para que tiveran as máximas garantías. Insistiu, de feito, en que “non só merece o máximo recoñecemento social, senón tamén apoio do goberno galego, a través de fórmulas de axudas económicas materiais”.
“Hai que poñer en valor que o pobo salva ao pobo. Esta crise demostrou que foi o traballo voluntario, a organización social, as redes de solidariedade quen lle fixo fronte á emerxencia social axudando a quen o precisaba, procurando alimento, apoio emocional para as persoas que o precisaban. Foi o traballo esencial da clase traballadora o que permitiu afrontar con garantías e superar a primeira fase de emerxencia”, insistiu Bará.
A maiores o cabeza de lista destacou que este proxecto de máis de 300 persoas, a maior parte delas mulleres, demostrou tamén o papel das mulleres na sociedade en xeral e tamén en situacións de emerxencia, de “como son quen de organizarse nestas redes de apoio e solidariedade, a importancia da comunidade, do local e do próximo”.
Por se iso non fose suficiente, este proxecto –dixo Bará- ten unha clara vontade solidaria, neste caso para o pobo saharauí. “Se nós tivemos un período curto de confinamento, eles son un pobo que leva décadas de confinamento no deserto lonxe do seu territorio. Hai unha xeración enteira ou máis sen esperanza. É o momento dende Galiza de ser solidarios con estes pobos como o saharauí ou o palestino de vivir pechados e confinados e de reclamar diante da comunidade internacional que haxa solucións”, subliñou.